Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alba Rozas Arceo | Novelista e editora

“Na miña obra fago unha relectura da mitoloxía galega”

Alba Rozas, onte, xunto un exemplar da súa novela. | // BERNABÉ/J. LALÍN

A caída de Guiomar é a terceira novela da Editorial Contos Extraños da na colección “A miña primeira novela...”. A lalinense Alba Rozas Arceo é a súa autora, ademais da editora froito dun proxecto de micromecenado moi interesante.

–Levoulle moito escribir esta ópera prima novelesca?

–Non considero que me levara moito tempo. Eu empecei un pouco despois de que se declarase o confinamento e o estado de alarma porque xa estaba proxectada a colección. Decidín participar na colección e achegar a miña pequena miga de pan. Contábamos cuns prazos establecidos de antemán, as características da colección tamén estaban establecidas de antemán, calculei máis ou menos o tempo para facer unha novela que son sobre vinte mil palabras. Son bastante disciplinada, así que cada semana adicáballe un tempo. Para min o proceso creativo é moi pausado. Penso que empecei en abril e o primeiro borrador estaba listo en setembro.

–Por que xoga con tantos elementos fantásticos nesta obra?

–A mitoloxía é un interese persoal e, en particular pola mitoloxía e a antropoloxía galega, pero é un interese moi persoal. Pásame o mesmo coa música, que é algo moi próximo pola tradición familiar. Gústanme as historias e lendas tradicionais galegas porque penso que temos unha riquísima mitoloxía galega que dá para facer cousas moi interesantes e que entronca coa mitoloxía tradicional europea de diferentes lugares. A obra está pensada nesa liña para entroncar co Señor dos Aneis ou o Hobbit, que non deixa de ser unha relectura da mitoloxía anglosaxona. Na miña obra o que fago é fundamentalmente unha relectura da mitoloxía galega.

–Supoño que o traballo de documentación foi importante...

–Aí entramos no defecto do investigador, non? Si que me documento, utilicei moitas obras de mitoloxía galega que teño na miña casa porque me gusta moito. Tamén teño que aclarar que despois eu fago unha adaptación que é onde entra en xogo o acto creativo, a imaxinación, as correntes de literatura fantástica, que neste caso seguen a liña das correntes europeas. Falo desa corrente actual, que agora está en auxe. Pasou con Xogo de Tronos, que non me gusta moito. pero está pasando con Bewitcher, que si que me gustou a saga. A novela vai nesa liña pero con figuras da mitoloxía galega cun traballo de documetación detrás moi importante. O que pasa é que non deixa de ser unha novela para xente de 11 anos en diante e non vas saturar ao lector con moita documentación.

–Non pensa que a mitoloxía galega está pouco aproveitada polas distintas manifestacións artísticas?

–Si, claro. Considero que está moi desaproveitada e precisamente por iso fago un pouco ese exercicicio. Digo que imos aproveitar porque hai figuras moi ricas e interesantes xunto a figuras compartidas aínda que non sexan galegas. Nese sentido eu aproveito á mitoloxía galega porque é moi rica.

–Ten pensado seguir escribindo sempre nesta clave ou prefire mudar de rexistro en adiante?

–A min claro que me gostaría, pero hai moitos máis factores. Gostaríame escribir unha saga ou que se fixeran videoxogos porque sería moi divertido. Hai que ir vendo a recepción que teñen estas novelas. Eu non son editora da miña propia novela pero si das outras da colección. Entón, claro, tes outra perspectiva porque as novelas tamén hai que movelas e hai que publicitalas. O de escribir novelas está moi ben pero se non chegan ao público lector é un esforzo inútil. Estou aproveitando para coñecer os entresijos do resto do proceso de edición, de recepción do libro e demáis. Tamén fixen unha campaña de micromecenado para sacar adiante a colección e estou moi contenta porque a xente respostou moi ben.

–Son bos tempos para adicarse a facer literatura fantástica?

–Nunca é o momento bo para adicarse a edición de novelas desde unha editorial como Contos Extraños, que é periférica e da periferia. Isto é forza de vontade e un traballo inxente que non está pagado de ningunha maneira. A cuestión é se a situación axuda ou non. Evidentemente, para a cultura foi un golpe moi grande pero é que nunca vai ser un bo momento porque nunca vai chegar. A cuestión é que o hai que tentar e facer.

Compartir el artículo

stats