O fotógrafo Xosé Gil Gil.

Imaxe espello tomada de Google Maps por Calros Solla.

O titular contén unha afirmación, mais tamén lles propón un desafío aos lectores. Convídaselles, xa que logo, a remexer en arcas e gabetas, ou en calquera outro empoado repertorio, na procura da instantánea que desbanque en antigüidade as que hoxe, por crelas de sumo interese, damos a coñecer en Faro de Vigo.

No número 237 da revista viguesa Vida Gallega, aparecido o 6 de novembro de 1923, publicouse unha reportaxe fotográfica baixo o titular “La famosa Tierra de Montes”. O álbum componse de oito fotografías, das cales dúas, as dispostas na parte inferior da páxina, correspóndense á localidade de Cerdedo. Na “vista fotográfica” da esquerda, tomada dende A Rampla dirección Pontevedra, observamos, á dereita, dúas edificacións. A construción do fondo, dotada de solaina, era, nesa altura propiedade da hostaleira Ánxela Durán, e destinada a fonda e vivenda. Posteriormente, pasou a ser propiedade da familia Sanmartín (os do Roxo), quen rexentaron, no seu baixo, unha coñecida taberna. Apelicada a esta, apréciase un dos inmóbeis da familia Gutiérrez. Ambas as dúas construcións locen o emparrado que, naquel Cerdedo, era común adobío nas fachadas de face á estrada de Ourense. Á dereita da fotografía, obsérvase o peitoril da Rampla, privilexiado miradoiro do val de Meilide, e, a seguir, a casa reitoral. Por detrás, albíscanse as torres da igrexa de Cerdedo. A antigüidade da fotografía fica corroborada pola ausencia do edificio do asilo, obra promovida polo crego Fernando García Leiro e cuxa construción, iniciada en 1927, foi dirixida altruistamente polo mestre canteiro das Raposeiras Antonio Márquez Yáñez, o meu bisavó. A fotografía tamén permite observar que, en 1923, a praza da igrexa se flanqueaba de frondosas árbores. Tamén advertimos a presenza de catro ou cinco persoas. Unhas galiñas ceibas peteiran e espurriñan no “morrillo” da estrada xeralde

Para tomar a “vista fotográfica” situada á dereita da páxina, o reporteiro gráfico cargou coa súa parafernalia pola Torrente abaixo, asentando o trípode nas inmediacións da ponte de Santo Antonio, sobre o río do Castro. A panorámica permite enxergar, ao fondo, os campanarios de San Xoán. A ponte medieval de Cerdedo, coa cruz en riste, loce cuberta de vexetación. O caudal do río é moi baixo. Nas dúas instantáneas, a vexetación loce aínda con toda a folla, polo que deducimos que a viaxe fotográfica debeu ter lugar nos meses do verán. Ambas as dúas fotografías acompáñanse do seguinte pé: “Esto es Cerdedo, al pie del Seijo, una altísima montaña desde la cual se columbra, allá en la lejanía, el espejo de las encantadoras Rías Bajas, que para quien no salga de estas tierras ásperas y frías deben ser como un tentador sueño de una noche de verano”.

fA revista viguesa Vida Gallega contaba entre os seus colaboradores gráficos cos mellores fotógrafos do momento: Pacheco, Ksado, Pintos, Avrillon..., porén, as oito imaxes que enchen esta páxina son asinadas pola revista. Esta circunstancia é a que nos fai atribuir a súa autoría ao fotógrafo Xosé Gil Gil, o primeiro director artístico da publicación. A maiores, o dato que ratifica a responsabilidade de Xosé Gil Gil é a presenza, ocupando un lugar central na foto, do seu vehículo Texan, estacionado fronte ao establecemento de Ánxela Durán (hai uns anos diriamos, diante da taberna do Roxo), onde seguro lle mandou unha fecha.