Virxinia e Castelao, na súa voda na Estrada.

Era unha muller cun carisma especial. Só así se explica que puidera namorar ao insigne galeguista Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. A estradense Virxinia Pereira foi a gran muller que din que adoita haber sempre detrás dun gran home.

A inxente calidade intelectual deste ensombreceua figura dela que –como rezaba a esquela que o Centro Galego e os centros coruñés, ourensano, lucense e pontevedrés de Bos Aires lle adicaron ao ano seguinte do seu falecemento, con motivo do cabodano do seu pasamento– “foi digna esposa do egrexio patriota galego Alfonso R. Castelao”, a “súa garimosa compañeira alá na Terra, nos días luminosos que adicou a soerguer a personalidade histórica de Galicia. Foi a súa valente compañeira no rexo percorrer os vieiros do exilio. Foi súa abnegada compañeira e enfermeira, nos tristeiros días e noites da súa longa doenza” e, finalmente, foi “fidel custodia, eiquí en Bos Aires, do seu ricaz herdo galeguista”.

Por iso, Ocionautas quixo adicarlle a Virxinia Pereira o segundo dos graffitis do proyecto “Murais da nosa lingua” que promove contando co apoio do colectivo xuvenil La Estación para enxalzar con esta linguaxe xuvenil entre a xuventude o patrimonio literario estradense, pero contando firme respaldo da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, que dirixen o estradense Valentín García e Cristina Pichel, respectivamente.

En coordinación co Concello da Estrada, elixiu para lembrala unha céntrica ubicación: a Zona dos Viños. E, para pintar o mural que inmortaliza a súa vinculación coa Estrada, optou por unha data moi sinalada: o 7 de xaneiro de 2021, no que se cumpría o 71 aniversario do pasamento do insigne galeguista. Deste xeito, Ocionautas, Política Lingüística, Xuventude e Concello da Estrada –representado polo concelleiro de Cultura, Juan Constenla– rendíanlle onte –mediante a mestría do graffiteiro Enrique del Grao– unha máis que merecida homenaxe a Virxinia Pereira e, a través dela, tamén ao propio Castelao.

É un xusto recoñecemento que chega incluso a expresar con palabras a loita “como unha leoa” da estradense que namorou a Castelao e que compartiu con el alegrías –como a súa voda na xa desaparecida igrexa da Estrada ou o banquete nupcial no antigo Casino, radicado entón no actual Café A Farola– e tamén penas, como o falecemento do froito do seu amor, Alfonso Jesús “Chuchiño” o 3 de xaneiro de 1928, sen ter cumprido ainda os 14 anos.

Unha rúa da vila que desemboca na que honra a figura do insigne galeguista leva o seu nome. Os restos mortais de ámbolos dous amores de Castelao repousan dende outubro de 1986 no panteón municipal de Figueiroa, grazas ó labor de persoas como a estradense Noni Araújo, expresidenta da Asociación de Amas de Casa da Estrada e amiga persoal da muller de Castelao, que se implicou persoalmente no seu traslado para compracer á súa amiga, xa falecida e logrou que nos anos 80 o Centro Cultural del Partido de La Estrada en Buenos Aires lle doase ao pobo o dormitorio de Castelao, dúas almofadas, unha colcha e un traxe de crespón negro de Virxinia que hoxe ennoblecen o Museo Reimóndez Portela. Son trazos do universo íntimo de Castelao que unen a súa memoria por sempre á Estrada.

Como o mural que, desde onte, recorda na Zona dos Viños a vinculación coa vila da muller á que máis amou.