Sete anos despois da última edición en papel, onte presentouse o novo número do anuario Descubrindo Deza. O evento tivo lugar no Museo Ramón Aller e contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que xa antonte sábado estivo tamén na entrega dos premios Lalinenses do Ano.

A presentación de Descubrindo Deza foi, ademais, o colofón a unha programación cultural de decembro que puido celebrar a homenaxe ao aviador Joaquín Loriga polo seu 125º nacemento, posposta en varias ocasións pola pandemia sanitaria, e que, como de costume, contou con concertos e tamén diversos espectáculos para nenos. O anuario de estudos e investigación fai fronte ao temido número 13 cunha ampla proposta de colaboracións que versan tanto sobre cuestións artísticas como biográficas ou históricas. Son, en total, 18 reseñas, das que algunhas xa teñen aparecido en FARO, como o artigo de Xoán Carlos García Porral e Isabel García Fernández sobre as prácticas para curar a caída da espiñela e outros males. No volume aparecen outros colaboradores deste xornal, como Ángel Utrera Baza, cunha investigación sobre as semellanzas de tres cruceiros de Agolada e outros tantos da Ulloa, ou Antonio Presas, que revisa a gran inversión térmica da conca media do río Asneiro.

Desde que saiu o primeiro número deste anuario, en 1999, da man do Seminario de Estudios do Deza, a publicación foi converténdose nun manual de referencia para ter un bo coñecemento da bisbarra. Agora, para facilitar o acceso público a todas as edicións, tamén se dixitalizaron os doce números anteriores.