Defender o galego non é adicar unha ollada de desaprobación a quen fala castelán. Defender o galego é moito máis que saír á rúa –que tamén– reivindicando o dereito a falar na terra o idioma que lle é propio. Defender o galego é, sinxelamente, utilizalo en tódolos ámbitos da comunicación, en especial levándoo a eidos nos que noutrora era menos empregado. Tratáse de facilitarlle ao idioma uns zapatos nos que se sinta cómodo e que calquera outra lingua poda desexar calzar. Polo menos así o entendeu a firma Moksín da Estrada, unha zapatería que se converte na primeira empresa recoñecida na historia do Premio Manuel Beiras polo seu uso innovador do galego.

Ata o do agora, estes galardóns recoñecían o uso continuado do galego que facían as empresas ou aplaudían a súa incorporación ao emprego desta lingua. Porén, Moksín foi un paso máis aló. O galego é parte da creatividade nos escaparates, nas súas campañas de comunicación, na tenda en liña e en toda a actividade que desenvolve o comercio. Cómpre lembrar que a creatividade de Moksín xa ten sido recoñecida en varias ocasións, tanto en Galicia como fóra, pero este é o primeiro recoñecemento ao conxunto da súa comunicación. Campañas coma a de Zapatos, outras historias ou a do Escaparate para durar moitas primaveras sorprenderon aos consumidores desta zapatería nacida na Estrada na década dos noventa.

É habitual ver colaboracións de artistas e creativos galegos de todas as disciplinas nas campañas de Moksín. As cerámicas de Verónica Moar, os cestos de Idoia Cuesta ou os microrrelatos de Carmela Serantes son só algúns exemplos. É tamén normal atoparse con actividades pouco habituais na comunicación dunha zapatería, como catas de viños galegos ou vermús e concertos. A cultura e a lingua galega están no centro da comunicación de Moksín.

O premio concedido pola Cámara de Comercio e o Concello de Santiago chega nun 2020 no que esta empresa estradense conmemora os seus 25 anos de historia, aínda que a situación sanitaria non favoreceu a celebración. En 1995 Ángeles,a súa fundadora, collía o traspaso dunha zapatería a piques de pechar e con moita paciencia e dedicación converteuna nun referente. Clientes da Coruña, Ourense ou Vigo acudían a esta pequena tenda que tiña unha forma moi especial de ver a moda e uns zapatos difíciles de atopar noutros sitios. Os 90 non eran época da internet así que o boca a boca era a mellor publicidade. Como fillos de tendeira, Fran e Tino criáronse no negocio, segundo foron medrando involucráronse máis e máis na tenda. Aseguran que hoxe por Moksín pasan clientes de Madrid, Barcelona ou Londres e a súa tenda en liña recibe pedidos lugares tan dispares como Nova York, Milán ou México. O negocio conta co tres tendas físicas, dúas na Estrada e unha no Ensanche compostelán, así como cunha tenda online. En todas elas o galego é sinal de identidade.