A literatura máis universal da Estrada posta en valor pola linguaxe gráfica dos graffitis da mocidade orienta o proxecto “Murais da nosa lingua”, promovido pola asociación Ocionautas co apoio do colectivo xuventil La Estación para enxalzar entre a xuventude o patrimonio literario estradense. O primeiro destos lenzos urbanos –adicado aos irmáns Marcelino e Avelina Valladares e ao dramaturgo Manuel Varela Buxán– xa loce no muro exterior da Casa das Letras e foi visitado onte polo secretario xeral de Política Lingüística, o estradense Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañados polo tenente de alcalde Juan Constenla e a responsable de Ocionautas, Annie Sánchez.

García felicitouna por esta iniciativa, que lle concede “espazos propios de visibilización aos estradenses máis universais da literatura escrita na nosa lingua”. E a Pichel subliñou a importancia de conxugar “creatividade, modernidade e tradición” para homenaxear aos “clásicos estradenses do sistema literario galego e facer partícipes aos mozos” da súa “contribución á cultura do país”.