A comezos de agosto, o xurado do quinto Premio Balbino de Relatos deu a coñecer o nome da obra gañadora: Bica de Montouto, do profesor lucense Pepe Peinó.

Onte, este docente e tamén escritor recolleu o seu premio na sede da Fundación Neira Vilas, en Gres. O galardón consiste nun talón de 1.500 euros e na publicación do libro a cargo de Edicións Fervenza, que organiza o certame xunto a Técnicas & Gramaxe. Ao acto acudiron o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, así como a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso, posto que as dúas entidades colaboran no certame, Estiveron presentes ademais o rexedor de Boqueixón, Manuel Fernández, e o edil de Cultura de Vila de Cruces, Julio López, así como o presidente da Fundación, Fernando Redondo. Os tres concellos tamén apoian o concurso.

Trala lectura da acta do xurado, interviu Victoria Alons que, ao igual que Anxo Lorenxo,destacou a consolidación deste premio literario que xa é un referente na provincia pero tamén no resto da comunidade. Non en van, Peinó é docente en Lugo e este venres, o seu libro será presentado no Concello do Valadouro, onde reside. Anxo Lorenzo incidiu en que tanto a Xunta como a Deputación, así como os concellos de Vila de Cruces, Silleda e Boqueixón, teñen a obriga de apoiar iniciativas culturais como este certame, posto que “engrandecen o noso patrimonio cultural”. Manuel Fernández e Julio López, pola súa banda, agraderceron o labor tanto de Edicións Fervenza como da Fundación Neira Vilas.

Pechou o acto o propio Peinó, quen indicou que o seu relato foi escrito “con agarimo dende o corazón”, e no que tentou transmitir a defensa do rural e o valor das xeracións dos nosos avós. En Bica de Montouto, catro anciáns deciden crear unha pequena industria artesanal para que a súa aldea non esmoreza.

Pepe Peinó naceu en Lugo en 1960. Desde o ano 1997 ata 2020 imparte clase no IES Alfoz-Valadouro e, como escritor, deulle forma a case 100 obras de teatro cómico afeccionado e que se levan representado en distintos concellos. Tamén ten experiencia na sétima arte, posto que leva dirixido máis de dez películas, como Malos tempos, que fixo co citado instituto e coa que gañouo primeiro certame OUFF Escola, do Festival Ourencine, de Ourense. A súa última curta, Medos, foi seleccionada na Semana o Cine de Lugo deste ano.