2 Billetes de AVE Gratis Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un lenzo para as letras

Arranca na Estrada “Murais na nosa lingua”, que creará graffitis na honra de Varela Buxán, os irmáns Valladares e Virxinia Pereira

A Estrada é berce de persoeiros ilustres, en moi diversos eidos. Nesta terra naceron homes e mulleres que deixaron a súa pegada na historia e tamén nas lendas, con vidas que non precisan musa para seren inspiradoras. É este un municipio no que as letras, e en concreto as letras galegas, florecen en campo fecundo, cultivado dende moito tempo atrás por estradenses que prestan o seu nome a diversos premios literarios cos que A Estrada quere lembrar e gabar o seu facer. Aínda que estes escritores son sobradamente coñecidos e teñen un merecido e ilustre lugar no universo das letras galegas, dende agora estarán máis preto dos cidadáns que camiñan polas rúas que tamén eles percorreron un día.

Murais na nosa lingua. Así se chama a iniciativa que dende onte comezou, literalmente, a plasmarse na Estrada, grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Xuventude e do Concello da Estrada, contando coa total implicación do Centro Xuvenil La Estación. A idea é achegar aos autores locais a tódolos veciños a través dunha arte urbana tan actual como é o graffiti. Búscase apelar ás conciencias máis novas, subliñando a importancia do traballo que todos estes autores fixeron a prol do galego e da súa expansión, conservación e normalización, dende épocas ben distintas.

Un dos muros que pecha o recinto da Casa das Letras –con 37 metros de longo– foi o primeiro lenzo escollido para lembrar a Manuel Daniel Varela Buxán –o patriarca do teatro galego– e aos irmáns Marcial e Avelina Valladares. Varela Buxán e Avelina Valladares bautizan premios os de teatro e poesía, respectivamente, que convoca o Concello da Estrada e Marcial Valladares, autor do primeiro dicionario en lingua galega, é lembrado nas rúas estradenses cunha escultura na Aveninda da Cultura e cun monolito na alameda municipal.

O artista encargado do mural para estes tres escritores é Enrique Martínez, profesionalmente alcumado como Sabio. Cando remate o traballo que iniciou na mañá de onte comezará con outro graffiti na memoria de Virixina Pereira, buscando que os méritos desta estradense, esposa de Castelao, se coñezan e a súa figura transcenda aínda máis, constando o dito popular que asegura que detrás de todo gran home se esconde unha gran muller. A intención é que o mural na súa honra se sitúe ao comezo da Rúa Iryda.

Para outra etapa deste camiño, xa no ano que está a piques de chegar, quedará o mural adicado a Manuel García Barros, o célebre Ken Keirades. A idea é que a súa vida e a súa obra se fundan nesta expresión artística no entorno do Teatro Principal.

Compartir el artículo

stats