“Non hai mal que cen anos dure, coma non hai morte que o recordo non reviva. Aquí tendes o noso traballo póstumo, o derradeiro”, subliñaron onte os membros de Nao na misiva que lle enviaron aos seus fans, xusto no día en que se cumpría o primeiro aniversario do seu derradeiro concerto en Amio, o 7 de decembro de 2019. En tan emblemática data, esta banda –nada na Estrada e hoxe xa convertida nun grupo de referencia na historia do rock galego– publicaba o seu derradeiro traballo de despedida: o DVD Adeus e grazas.

Dispoñible desde onte a través da páxina web de Inquedanzas Sonoras por 19,90 euros (gastos de envío non incluídos) e desde mañá nos seus puntos de venta habituais, o DVD editado por PlayPlan Cultural inclúe un disco de agasallo nomeado Apocalipse NAO, tres documentais con material inédito da banda e conversas con persoas próximas á formación como Xurxo Souto, Mini Rivas, Cristopher Nervo, Fernando Casal (Nani), Éric, Marina e Roi, que compartiron as súas vivencias coa banda.

O DVD condensa á perfección o sentimento duns músicos que emprenderon alá polo 2004 –ensaiando nun local de San Xurxo de Cereixo– unha aventura que os catapultaría ao máis alto do rock galego. Propuxéronse ser unha “banda de éxito” e conseguírono, “a nivel persoal, cun custo enorme”, relataba onte Jasper.

A primeira formación da banda nacía da conxunción de músicos con experiencia no rock, o punk e o metal galego. Ao seu primeiro concerto eno Centro Social A Revolta de Vigo e á gravación das primeiras maquetas seguiríanlle unha xira por Galicia e a gravación do seu primeiro disco As Palabras Espidas (2007) e, tres anos despois, Coas túas mans, previo a Cancións de amor e liberdade (2012) e a Cartas no caderno (2014).

O seu ascenso foi imparable e no 2015 gañarían o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal. Foi xusto aí –no seu mellor momento– cando a banda anunciou un parón indefinido pero non inmediato. Querían crear unha triloxía final baixo o epígrafe de Apocalipse NAO, que configurarían cos traballos Soñar (2016), Crear (2016) e Ata que o lume se apague (2019).

Os integrantes da banda acadaran o seu soño: encher nos seus concertos, que os seus fans cantasen as súas cancións “de pe a pa” e ata chegar a vivir da música. Pero non quixeron seguir por inercia senón “fechar un ciclo estando arriba”, no máis alto.

Botaron catro anos despedíndose do seu público, con novos discos e con case 50 concertos de despedida no último ano, no que foron, de feito, a banda que máis concertos ofreceu no 2019. Cadrou en bo ano. Visto o ocorrido coa pandemia no 2020, a sorte foi ainda maior, admitía onte Jasper. A idea do grupo é presentar Adeus e grazas cando a situación COVID o permita. Será un xeito de facer que “o lume siga vivo” nos corazóns dos seus fans. Nos de Jasper, Gus, Torroncho e Amós “aínda non se apagou”.