A Estrada é a Capital Literaria de Galicia. Así a calificou onte o director de Editorial Galaxia, Francisco Castro, que anticipou –ao igual que o alcalde José López Campos– que nos vindeiros meses haberá unha “sorpresa” que a reafirmará nese eido. Trátase da creación dun premio de álbum ilustrado para público infantil promovido polo Concello contando coa colaboración de Galaxia. Convocarán a súa primeira edición en 2021. Levará o nome de Alberte Quiñoi e estará dotado con 3.000 euros.

Virá a complementar o ronsel de premios literarios que xa acumula A Estrada: o Premio de Novela Manuel García Barros, o de Poesía Avelina Valladares, o de Teatro Varela Buxán e o Xornalístico que rinde tributo ao humanista Manuel Reimóndez Portela, o médico dos pobres O novo galardón céntrase nunha modalidade literaria que gaña cada vez máis importancia: o álbum ilustrado, no que a imaxe ten máis peso que o texto.

O director de Editorial Galaxia apuntaba a esta “sorpresa” logo de parabenizar á flamante gañadora do XXXII Premio Manuel García Barros, María Rei Vilas, que onte recibiu no Teatro Principal da Estrada o galardón que recoñece a calidade da súa obra Flores de Ferro, presentada ao certame baixo o lema “Escoitar a Briana”.

Na súa intervención, María desvelou que A Estrada non lle é allea. Na vila iniciou hai 29 anos a súa traxectoria docente. Moi emocionada, sinalou que a súa novela naceu “da débeda” coa “xeración de mulleres” ás que a Guerra Civil e a ditadura lles abriu “as portas do inferno”. “Medrei cun relato deturpado, silencioso, no medio de mulleres fortes, envoltas nun silencio tecido de dor”, dixo. Eran mulleres do rural, “humildes” e ás que a “fractura do 36” non lles deixou máis alternativa que “loitar, fuxir ou mimetizarse cos vencedores”. Na novela destacao seu protagonismo “como vítimas silenciadas e como axentes que se enfrontan ao novo réxime”.

Unha desas mulleres foi súa nai, Aurora, á que quixo dar “grazas infindas”, ao igual que ao seu compañeiro de vida, Antón, antes de lembrarse dos seus alumnos. Na súa mente cando afrontou o reto de “reconstruir un ecosistema” cheo de “crueldade, dor, mentira, esperanza e amor que traspasa o tempo”, tiña o que lle contaba seu avó´a caron da cociña de ferro.

Un linguaxe natural serviulle para dar forma ao relato da volta ás terras da súa infancia de Camila, a protagonista, para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Desde o presente dos anos oitenta, reconmpón a súa identidade e afronta a etapa da Guerra Civil . A autora deseñou unha complexa estrutura narrativa que acompaña o crebacabezas persoa. de Camila, que dosifica a intriga animando á lectura e á par motivou que a súa autora merecera o García Barros e,así, a vira publicada en Galaxia.