Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

RUBÉN QUINTÁ QUINTÁ | Presidente da Sociedade de Caza de Rodeiro

“Queremos ver se mudamos o sistema de repoboación”

“As denuncias contra os tecores por danos de xabarín non son o camiño ideal”

Rubén Quintá será presidente por terceira vez. | // BERNABÉ/ANA AGRA

Rubén Quintá afrontará o seu terceiro mandato á fronte da Sociedade de Caza de Rodeiro. O reelexido presidente xa leva 20 anos na directiva, onde ingresou cando tiña 35. Pero, como relata, leva practicando a caza dende que se fixo maior de idade e como herdo dun deporte que tamén lle gostaba ao seu pai.

–Como mudou a caza nestes 20 anos?

–Está claro que neste tempo hai bastante menos caza menor, á que tamén lle afecta o aumento das alimañas. Lembro, cando era neno, que os coellos xa padecían de enfermidades coñecidas tamén agora, como a mixomatose. Penso que tamén lles afectaron prácticas na agricultura como os nitróxenos que se empregan como fertilizantes. Sen embargo, agora mesmo o principal problema é a densidade dun dos principais depredadores de caza menor, o xabarín,e empezamos a ter tamén ataques de lobo, que está repartido por todo o coto.

–Agora que menciona o xabaril, a finais do ano pasado Unións Agrarias promoveu unha denuncia contra esta sociedade e maila de Taboada por danos desta fauna. Como está o proceso?

–Ao final retirouse a denuncia. Considero que non era o camiño ideal, porque está claro que os tecores non teñen culpa dos danos que poidan provocar os xabaríns en cultivos, ao contrario. Lembro que cando entrei na directiva hai 20 anos, como vocal, xa comezaban a rexistrarse danos de xabarín.

–E da mesma maneira que diminuiu a caza menor, tamén baixarían os socios, polo despoboamento e pola presunta perda de interese pola caza por parte da xente máis nova.

–Bueno, hai un par de décadas a sociedade de caza tiña en torno aos 260 membros, e agora móvese nuns 210. Penso que aquí, no municipio, si se segue mantendo interese por este deporte. Teño que apuntar, por outro lado, que na nosa directiva está integrada unha muller, Antonia Ramos [a secretaria], que practica tanto caza menor como a de xabaril. Temos na sociedade tamén a outra muller. Quixera apuntar tamén que cando entrei na directiva a sociedade non tiña fondos, aínda que se pagaba a cota. Hoxendía, dispoñemos de diñeiro para seguir tirando,e nestes anos puidemos comprar unha finca na Areosa, pechala e dispoñer alí dun local social.

–Este está sendo un ano complicado para a caza, sobre todo polas restriccións sanitarias. Como lles está afectando aos cazadores?

–Nótase sobre todo nas cuadrillas de xabarín. En Rodeiro contamos con dúas, e normalmente suman máis de 20 integrantes, que é un número moi superior ao que en principio permitían as restriccións sanitarias. E de feito, as normas para conter os contaxios do coronavirus tamén vai condicionar as reunións que queiramos manter dentro da directiva, porque na nosa lista somos 13 integrantes.

–De cara a estes novos catro anos de mandato, como vai ser a xestión do seu equipo á fronte da sociedade?

–Temos en mente cambiar o sistema de repoboación de caza menor, pero é unha cuestión que queremos estudar para tomar unha decisión. Tamén desexamos realizar queimas controladas, se nolas aproban, e desbroces.

Compartir el artículo

stats