Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poeta e profeta

O estradense Xosé Luna Sanmartín recolle, por segunda vez, o Premio de Poesía Avelina Valladares con “O tempo entre as mans”

Corría o ano 2003 e, no Casal de Vilancosta, o estradense Xosé Luna Sanmartín recollía,”moi nervioso y tremendamente ilusionado”, o Premio Avelina Valladares, o galardón poético que leva o nome da Cantora do Ulla da que el mesmo é biógrafo. Dezasete anos despois, nunha mañá de decembro dun ano completamente atípico, este escritor volveu acubillar entre as mans un recoñecemento que o ergue novamente coma profeta –e poeta– na terra que o viu nacer. Aínda que non puido recollelo premio ante o público, si tivo ocasión de sentir a calor e o aplauso que lle brindan moitos estradenses como autor dun poemario cheo de sensibilidade e personalidade, cunha profunda pegada da vida nesa Estrada que é parte importante del.

A entrega do Avelina Valladares realizouse ante os medios de comunicación e a través dun acto pechado realizado na sala MOME. A primeira en tomar a palabra foi a mesma muller que un día animou ao Concello da Estrada a convocar un premio na memoria da poetisa de Berres. Noni Araújo leu a acta na que se recollen as impresións do xurado encargado de fallar o galardón, composto por ela mesma (en calidade de secretaria), Sindo Guinarte, Rosalía Morlán, David Otero e Esteban Folgar. Lembrou que a equipa percibiu no poemario riqueza e variedade léxica, unha coidada escolla das palabras –moitas delas tinxidas de sonoridade– e unha “forte carga emotiva”, con referencias a “pequenos momentos que marcan fitos importantes na vida da voz poética”.

Un muller loitadora

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, puxo o acento na dobre ledicia que para el supón entregar este premio a un estradense e animou aos estradenses a converter O tempo entre as mans “no mellor agasallo para as festas do Nadal”. “Promocionar a lírica galega é perseverar na defensa da lingua e o coñecemento de Avelina Valladares”, sinalou.

Pola súa banda, Luna Sanmartín recoñeceu a emoción de volver a recoller este galardón que “leva o nome dunha muller loitadora, dunha muller adiantada ao seu tempo e dunha muller que contribuíu ao rexurdimento das nosas letras, que é tanto como dicir ao rexurdimento da nosa terra”. ”Galicia e A Estrada son o que son mercé do traballo de mulleres como Avelina Valladares. Xa facendo referencia ao título da obra gañadora, o autor –en 2003 gañou o certame con Memorias do Cairo-– fixo fincapé e que “ás veces na vida, e nestes tempos sabémolo ben, cómpre deterse e cavilar sobre o camiño andado e o que queda por andar”, dixo. Luna adicou esta escolleita de poemas ateigados de sentimento aos seus pais.

O Avelina Valladares vense entregando nos últimos anos no marco da Festa da Poesía pero a crise sanitaria no o permitiu neste 2020.

Compartir el artículo

stats