A Estrada atesoura unha longa tradición na defensa da lingua. E os seus estudantes tamén, grazas ao Correlingua. Cada mes de maio, rapaces de idades moi variadas –comprendidas entre Infantil e Bacharelato, pasando por Primaria, Secundaria e diversos ciclos de Formación Profesional– bótanse ás rúas para reivindicar de xeito festivo –xunto a alumnos doutros centros de concellos próximos como Forcarei ou Silleda– o uso do galego. A súa ledicia enche cada ano de vida as rúas e, deste xeito, tamén poñen de modao galego. Pero este ano, o Covid frustrou esta modalidade clásica do compromiso das comarcas de Tabeirós-Montes e Deza coa lingua de noso. Non era posible celebralo como se adoita pero os organizadores do Correlingua non estaban dispostos a baixar os brazos. E idearon un Correlingua “en liña” que se levou a cabo onte.

Para “unir á rapazada na defensa do galego”, subliñou onte un dos organizadores, o estradense Xosé Manuel Nogueira, programou un concerto do grupo que gañou a última edición do Cantalingua: Cuarta Xusta. Tivo lugar na Estrada, concretamente no Teatro Principal. Pero a prevención Covid impediu que nas butacas se puideran sentar os rapaces dos once centros educativos da Estrada, Forcarei e Silleda que se implicaron no evento: os colexios estradenses Pérez Viondi, Figueiroa, O Foxo, Oca, Villar Paramá de Vea e Cabada Vázquez de Codeseda; os institutos Manuel García Barros, Antón Losada Diéguez e Número 1 da Estrada; e os IES Chano Piñeiro de Forcarei e Pintor Colmeiro de Silleda.

Cuarta Xusta puxo toda a carne no asador para facer gozar ao público e os organizadores do evento emitiron o sinal en streaming para que todos os centros puideran agasallar con esta celebración aos seus estudantes. Cinco cámaras encargáronse de ofrecer á rapazada os diferentes planos que o Covid lle impediu presenciar en persoa, como cada ano, na Praza da Feira da Estrada. O concerto foi todo un éxito. Tendo en conta que se emitía a grupos de alumnos, quedou claro que ata na distancia houbo unha aposta clara por reivindicar o uso da lingua. O concerto sumou nada menos que 200 reproduccións parellas.