Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Castro de Toiriz, como modelo

Silleda foi a única vila dezá capaz de materializar, a través dunha iniciativa veciñal, un plan estratéxico de valoración do seu castro como elemento simbólico atemporal e convertelo nun auténtico paradigma

Acceso principal ao Castro de Toiriz, cunha mensaxe de agradecemento gravada sobre un tocón de madeira.

Foxo do xacemento e conxunto de rochas na cima da súa croa.

Reconstrucción virtual do poboado, nun dos paneis agora retirados.

O Castro de Toiriz, como modelo

O Castro de Toiriz, como modelo

En ningunha vila da Comarca de Deza, cun castro ao lado, se ten realizado tanto traballo pola súa conservación e valoración como fixeron moitos veciños de Silleda englobados no Colectivo pola Restauración dos Castros de Toiriz

Todo canto se pode sacar dun castro como exemplo de ocupación habitada dun espazo xeográfico ou todo o que se coñece deste lugar con encanto máxico, estaba recollido de forma maxistral nos seis paneis informativos que estaban, estratexicamente, distribuidos no recinto castrexo. Calquera visitante que se acercara a este castro marchaba de aquí, unha vez finalizada a visita, moi ben informado e cuns coñecementos moi precisos do lugar e do que isto representaba xenuinamente dentro do contexto cultural propio mundo castrexo.

A día de hoxe estamos a vivir unha situación case incomprensible porque os traballos de Restauración e Musealización dos Xacementos Galaico-Romanos de Pontevedra, promovidos polo Ministerio de Fomento, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda están a facer táboa rasa de todo canto aquí había. Non cabe xustificar de ningunha forma esta actuación case imposta con medios e métodos típicos do colonialismo cultural, senón valorar o traballo de carácter propio (endóxeno) que se fixo aquí durante case dúas décadas.

Ningunha vila capital de concello desta comarca, cun castro ao seu lado, foi capaz, por iniciativa duns veciños concienciados, de poñer en valor básico o castro veciño, a non ser os de Silleda. No concello de Lalín, pese a certas tentativas dos gobernos municipais, aínda non se chegou a un elemental acordo cos veciños propietarios para dispoñer dos terreos ocupados polo castro de Donramiro. En Rodeiro sempre se ten mirado para o castro de Vence como posibilidade probable para poñer en valor o enclave e, o único que se conseguiu, foi a súa brutal e clandestina expoliación durante anos polos buscadores de tesouros, que ocasinaron cuantiosos e irreversibles danos no xecemento. En Dozón, un mundo a parte en todo isto e permanentemente indolente ante a cultura castrexa, nin tan sequera se pensou en valorar o castro que teñen ao lado da vila. Así que, das catro vilas dezás, que teñen un castro ao seu carón, unicamente a de Silleda e por iniciativa dun colectivo veciñal, foi capaz de materializar un plan estratéxico de valoración e recoñecemento do seu castro como elemento simbólico atemporal. Grazas a esa iniciativa, o castro de Toiriz converteuse nun modelo, nun auténtico paradigma a nivel comarcal.

Paneis informativos

Voltando ao que se comentaba ao principio, hai que decir que a información que había no castro de Toiriz era moi precisa e oportuna, porque abarcaba todos os ámbitos que condicionaban as formas de vida neste lugar. Os seis paneis proporcionaban unha información exhaustiva e quedaba claro que o castro era unha aldea fortificada de planta circular ou avalada, con elementos defensivos ben dispostos que encerran o conxunto castrexo formado por un recinto superior, denominado croa, a un nivel máis alto e un recinto inferior ou antecastro, direitamente unido ao anterior por un lado pero, cara o exterior, está bordeado por un parapeto e un foxo que, na actualidade, está entullado con terras, pero na súa época de máxima funcionalidade tería unha gran profundidade.

O sistema defensivo desempeñaba a función de protección e dáballe ao conxunto un caracter simbólico debido a súa maior ou menor monumentalidade, que sería magnificada, seguramente, cunha estacada de madeira perimetral. Así que o castro era unha entidade de poboación básica durante o período da “Idade do Ferro” e a súa vixencia, ao longo da Historia, enténdese desde o século VIII a.C. ata as primeiras décadas da nosa era. Non coñecemos con exactitude o número de castros existentes en Galicia que, seguramente, se achegue aos 3.000 e dos que uns 22 se localizan no concello de Silleda.

O castro de Toiriz, no seu conxunto, ocupa unhas dúas hectáreas aínda que non todo este espazo fora de caracter habitacional porque se deben descontar as murallas, parapetos, foxos, terrapléns e afloramentos rochosos (penedos) pero, aínda así, a lo menos o 50% do espazo puido estar ocupado por vivendas. Polo que se sabe doutros castros, dado que neste non se efectuaron prospeccións arqueolóxicas, as edificacións serían de planta circular ou ovalada, con muros de pedra e tellado cónico de palla. Case seguro que habería, tamén, outro tipo de vivendas levantadas con muros de barro sobre armazón interno de paus de avelaira e vivendas de planta cadrada e rectangular cubertas con tella cerámica plana e curva, un sistema de cubrición introducido polos romanos. Calcúlase que no seu momento de máxima ocupación puideron habitar aquí unhas 150 persoas.

A súa economía sería basicamente agropecuaria, fundamentada no cultivo dos campos tanto a base de cereais (trigo, millo miúdo, cebada e avea) como leguminosas (fabas, ervellas) e no cuidado da cabana gandeira composta de vacas, ovellas, cabras e porcos. Xunto a estas actividades tamén se desenvolverían outras de caracter artesanal como a fabricación de olas, produción textil, metalurxía, cantería, carpintería, etc. e, a todo isto, debemos engadir os intercambios comerciais. As cerámicas aparecidas nos castros silledenses proceden de centros oleiros da bacía ourensán do Miño e das Rías Baixas.

O medio natural, na actualidade, é o resultado dunha longa evolución na que interveñen distintos factores que fan pasar ás diferentes comunidades vexetais por sucesivas etapas de transformación. Aquí, a formación clímax adaptada aos condicionantes ambientais era a carballeira pero, como consecuencia da intervención humana continuada ao longo do tempo, a situación actual está bastante afastada do que foi inicialmente, pero, con todo, aínda se atopan carballeiras acompañadas de vexetación de sotobosque con acivros, estripos, pereiras bravas, etc. Nas zonas máis baixas, próximas ao castro, localízanse tamén bidueiros, ameneiros e avelairas.

No pasado, todo este espazo estaría ocupado por unha gran masa forestal de bosque caducifolio, que foi reducida, paulatinamente, desde o ano 6.000 a.C. a causa da introducción da agricultura. A vexetación arbórea da Idade do Ferro estaba dominada polos carballos, abelairas, bidueiros e ameneiros e nesa época aparecen, asimesmo, os castiñeiros e as nogueiras. Durante o período castrexo empezan a ocuparse os vales, nos que se localizan os campos de cultivo e algúns prados. Arredor do castro tamén había espazos abertos desforestados que servían como “zona neutra” de desconexión co bosque caducifolio da contorna.

O castro de Toiriz contaba na súa cartelería con toda esta información, unha información que supostamente será sustituida, logo da estrana intervención que ten lugar nestes días, por outra dificilmente diferente ou pola mesma plaxiada en formatos distintos.

Así que un castro que foi elexido por organismos alleos a esta realidade para converterse nun lugar cunha intervención de tipo urbanístico, ben merecía un recoñecemento, que non se lle dou, por parte dos invasores e todo isto deixou patente que a “colonización cultural” artellada desde a metrópole, con apoio dos poderes locais, pode ser, “de facto”, un costoso erro.

Compartir el artículo

stats