Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Un día calquera...

Son as 15.00. Xa falta menos para saír do traballo. Ao chegar aínda podo coller a bici e facer a “clásica”, que en horiña e media estou na casa, e logo teño que ir polos pequenos para comezar cos baños e metelos na cama. Pufff, bendita bicicleta despois dun día complicado, moito me ten axudado a aforrar en médicos.

Ademáis saír no outono e no inverno, abrigado, pero á vez sentindo ese frío petándome na faciana, non ten prezo. Se non fora porque caería dela, pecharía os ollos e disfrutaría dese vento fresco na cara, nesta época de mascarillas e ter que respirar aire quente.

Levo tempo dándolle voltas, e ogallá a algún dos pequenos lle tire a bicicleta e acabemos compartindo momentos coma este. Faríame moi feliz, pero ás veces penso tamén nos riscos que asumimos e dame medo. Medo a que me chamen un día ao traballo e me digan que o neno ou algunha das nenas está no hospital, que a colleu un coche. Pecho os ollos e case se me achegan as bágoas. Non o quero nin pensar.

Chego á casa e deixo a bici, quito o casco e as zapatillas, e voume para a ducha. Hoxe foi unha boa tarde, xa que a saída na bici pasou sen incidencias, noteime ben e o máis importante… ¡xa estou na casa! Pero penso en cantos xa non están e en cantos coñezo que están de casualidade. O que tiña que ser un momento de satisfacción logo do apretón sobre as dúas rodas, pasa a ser un momento de tristura.

Sei que un accidente teno calquera, pero tamén penso cantos se poderían ter evitado se nos mentalizaramos dun sinxelo número decimal: 1,5. Tan sinxelo e tan complicado á vez. E, ollo, que non so os conductores temos que mentalizarnos, porque tamén sabemos na grupeta que hai moitos ciclistas que ás veces se despistan, pero a diferenza é grande. Un morre e o outro non.

Coido que mañá farei bici no rodillo, non é o mesmo, pero sei que chegarei á casa...

*Triatleta e veciño de Silleda

Compartir el artículo

stats