Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pepa Rey Castiñeira | Doutora e profesora titular de Prehistoria da Facultade de Xeografía e Historia da USC

“Descarnar o Castro de Toiriz con esas zapatas é como arrancarlle as tapas ao Códice Calixtino”

“Este amoblado non atende a ningún obxectivo arqueolóxico, patrimonial ou didáctico; é máis, atenta contra eses valores”

Pepa Rey sentada a carón do río Deza nunha visita a Carboeiro. FdV

A polémica intervención no Castro de Toiriz trascende as fronteiras dezás. Entre as persoas alarmadas polo que alí se perpetra está Pepa Rey Castiñeira, vinculada a Silleda desde hai anos e coñecedora do xacemento en cuestión. Nacida en Muros, imparte clases desde 1988 na Universidade de Santiago de Compostela e, desde 2003, como profesora titular de Prehistoria da Facultade de Xeografía e Historia. É especialista no estudo da Idade de Ferro do Noroeste Peninsular.

–Que opinión lle merece a actuación que se está a desenvolver no Castro de Toiriz?

–Considero que é unha actuación triplemente grave. Primeiro, porque invade e destroza unha iniciativa veciñal que traballou anos por conseguir poñer o Castro de Toiriz no mapa. Sobre todo, porque pretendían propiciar a vida no castro, garantindo con elo a súa incorporación emocional na xente nova e, polo tanto, a súa continuidade. É unha vía moi ben enfocada e co valor, que debía respectarse, de que nace da propia comunidade, porque iso é o que realmente garante a preservación. De repente, cáusanse efectos que non foron requeridos, nin queridos, senón que van en contra do que quería a comunidade de Silleda.

O segundo feito grave é que vai contra calquera criterio arqueolóxico. É unha intervención agresiva, desconfigura o propio xacemento, que foi debuxado pola erosión e a acumulación de sedimentos. As imaxes da croa descarnada, con tanta zapata, e da maquinaria arrancando o manto vexetal que envolve o xacemento paréceme tremenda, impactante. O primeiro que tes que facer é protexer o ben con esa capa envolvente, e a intervención, en todo caso, ten que estar a distancia. En Toiriz vexo unha desconsideración sobre o seu valor arqueolóxico. A imaxe é escandalosa, este amoblado non atende a ningún obxectivo arqueolóxico, nin patrimonial, nin didáctico; é máis, atenta contra eses valores. Afecta ao seu envoltorio, descarna as súas ruinas e desprové do seu contexto as evidencias arqueolóxicas. Isto non é unha recuperación, é unha intervención agresiva e carente de connotacións arqueolóxicas. De restauración e musealización ten pouco, de escenografía, performance e de parque urbano, no medio do monte, ten todo. Só que non é calquera monte. Os coidados que require un castro teñen que ver coa prioridade de conservalo o máis intacto posible para poder percibilo en superficie e poder escavalo nun futuro, cando se requira e sexa interesante proceder a súa lectura.

A terceira é que teña o consentimiento e o visto bó da Administración autonómica. É moi grave e un claro reflexo do que está pasando na arqueoloxía galega, que desde hai moito tempo non ten política arqueolóxica, senón unha administración desmobilizada, inactiva na defensa do patrimonio, que non da golpes na mesa frente a iniciativas políticas. Hoxendía, a actividade arqueolóxica está en mans de criterios políticos, e iso é moi grave; está ao marxe dos sectores implicados, que están marxinados desa política, como a investigación, a universidade, o CSIC, os museos ou os propios profesionais. As consecuencias son estes despropósitos. A intervención nun castro ten que ser mínima e estano amoblando, é como estar alterando un incunable. A colocación das zapatas que descarnaron a croa é como arrancarlle as pastas e as primeiras follas ao Códice Calixtino.

–Demanda, xa que logo, unha intervención urxente de Patrimonio...

–Debería reaccionar ante unha situación que se vai repetir; non é un caso illado. É unha intervención propiciada polo Ministerio de Fomento e a Deputación de Pontevedra, como as que se van producir en Alobre (Vilagarcía), A Subidá (Marín), A Lanzada, etc. Os criterios de actuación actuais son turísticos e Patrimonio debería alertarse e reconsiderar o que se vai facer. Actualmente, a arqueoloxía galega réxese por intereses políticos, está en man de deputacións e concellos, antes que a propia Administración autonómica, que debería reaccionar ante este cúmulo de situacións que se están producindo.

19

Estado de las polémicas obras en el Castro de Toiriz XPonte

–Que cre que se debería facer no caso que nos ocupa?

–Preservalo como un tesouro soterrado e gardado baixo o manto vexetal á espera do seu momento para ser lido con metodoloxía arqueolóxica. Manter a vexetación controlada. Un desbroce sistemático favorece o seu desfrute, permite recorrer e percibir o que se debuxa en superficie das súas estruturas defensivas, dos espazos habitables, da dimensión do poboado, do que se divisa da contorna, xa que, sen dúbica, formou parte da súa actividade diaria. Unhas labores de limpeza sistemáticas e garantidas no tempo sería o máis convinte, anque sexa pouco visible. A espectacularidade do castro medraría por si soa, disporíamos dun poboado cargado de expresividade.

Por outro lado, sería importante intentar acrecentar a percepción do espazo vivenciado, engadíndolle a perspectiva arqueolóxica, aproximar aos interesados aos discursos construidos en arqueoloxía, para apreciar a identidade do poboado, ter a oportunidade de sorprenderse e interesarse do que se consegue saber da súa vida cotiá, económica, agropecuaria, simbólica... da época na que se incluía. Temos a fortuna de contar cun xacemento ben conservado, un poboado completo e que conserva tamén boa parte da súa contorna. Os veciños de Silleda traballaron para poder disfrutalo na maneira en que chegou ata nós.

–É dicir, bastaría con manter a raia a vexetación e repoñer os paneis que colocara hai unha década o Colectivo pola Recuperación do Castro de Toiriz?

–Non fai falta engadir moito máis do que había. Máis ca unha escenografía física, que non ten que aparecer aí en 20.000 carteis, trátase de acrecentar a actividade as vivencias que o fixeron visible e promover accións pedagóxicas sistemáticas nos institutos, nos colexios ou nos centros culturais. En definitiva, integrar as actuacións relacionadas co castro en edificios que xa existen, en lugares vivos, como o mundo dos escolares ou as comunidades culturais que teñen interese. E tamén con visitas guiadas potenciadas e administradas desde o Concello.

“Se en vez de conservalo e potenciar a súa imaxe o convertes nun parque urbano, o castro desaparece”

–Son frecuentes na Península Ibérica ou en Europa actuacións coma esta?

–Depende. Nalgúns sitios tamén se fan despropósitos. Pero, desde logo, estanse coidando os xacementos, preservando as evidencias cando están escavados ou, simplemente, manténdoos limpos. So temos que ver exemplos como o de Hill of Tara, cerca de Dublín, dous recintos fortificados da Idade do Ferro e una tumba megalítica, todo un símbolo de Irlanda. Ti vas visitalo e o único que fas é pasear por unha pradeira na que hai irregularidades no terreo perfectamente identificables, onde estás entrando e saíndo do foxo e subindo á parte superior dun sistema defensivo. Ou Navan Fort, capital da prehistoria do Ulster. Ou Maiden Castle, un castro no condado inglés de Dorset, de 18 hectáreas, xestionado por English Heritage. Todos eles se manteñen libres de calquera interferencia actual, cubertos por pradeiras extensas onde pacen as ovellas.

–É partidaria das escavacións?

–Volvemos á política arqueolóxica. Ti tes que escavar nun xacemento cando é necesario para que a vida continúe. Ten dous valores principais: o patrimonial, é un incunable, un monumento irrepetible que hai que intentar protexer; e o documental, é susceptible de ser lido con métodos arqueolóxicos. A capacidade de lectura vai medrando a medida que aumentan os métodos de investigación. Así que ler de golpe todos os xacementos é contraproducente. A lectura ten que ser gradual, temos que preservar documentos para cando teñamos os medios axeitados. Se escavamos por escavar, porque todos os concellos queren ter un xacemento visitable turisticamente, estamos descubrindo estruturas, pero non incrementamos o coñecemento arqueolóxico. Hai que ter presente que os xacementos só teñen unha posibilidade de lectura, porque é unha lectura que destrúe o contexto orixinal.

–Como se pode conciliar o interese turístico e económico das entidades locais coa preservación e divulgación dos xacementos?

–Se en vez de conservar o castro e potenciar a súa imaxe o convertes nun parque urbano, o castro desaparece. O valor do castro desdebúxase, pasa a un segundo plano. ¿Qué valor ten sentarse nun banco enriba dun petróglifo? Convertes o petróglifo nun zócalo, nunha zapata..., pasa a ser unha roca base, unha cimentación sen máis. Hai que saber o que se fai, e o que se está facendo en Toiriz non é unha intervención arqueolóxica, porque unha intervención arqueolóxica o que non fai é crear un escenario urbano. Eu aí non vexo a palabra arqueoloxía por ningún lado.

Compartir el artículo

stats