Os premios San Martiño de Normalización Lingüística, uns galardóns organizados un ano máis pola asociación cultural O Brado, viviron onte a súa trixésima edición, marcada como non podía ser douta maneira polas restricións impostas pola pandemia da Covid-19. Nun acto íntimo no que so participaron os galardoados, o alcalde da Estrada, José López Campos, e o representante de O Brado, Iván Sanmartín, a formación musical A Banda da Loba e a asociación cultural Vagalumes recibiron una talla de Manuel Vilaverde coa que se recoñece o seu traballo a prol da lingua galega.

López Campos foi o encargado de facer de mantedor deste acto. O alcalde destacou a importancia de “reinventarse” nunha situación como a que estamos a vivir. Sen embargo, considera básico seguir a manter “os nosos valores” e un dos máis importantes é a lingua galega. “E na Estrada sabemos facelo ben, porque independentemente de cuestións políticas, hai cousas nas que coincidimos cada ano, como é manter o facho da defensa da cultura galega”, afirmou ao tempo que agradeceu o traballo de O Brado no mantemento deste xa consolidado galardón.

O primeiro dos premiados en subir ao escenario do Teatro Principal foi Vagalumes, asociación premiada a nivel local. A encargada de recoller o premio foi Clara Iglesias Cortizo. No seu discurso recordou o nacemento da asociación. “O galego é a razón máis importante pola que vimos traballando dende hai máis de dez anos. De feito, a asociación Vagalumes xurdiu no seo da plataforma cidadá “Queremos galego”, que naceu en 2009 para facer fronte ao chamado Decreto de Plurilingüísmo para o ensino”, explicou. “Nacemos coa finalidade de axudar a dar a coñecer e a poñer en valor o patrimonio natural, material e inmaterial da nosa comarca que, debido á desidia da nosas institucións, se encontra en moitas ocasións sumido no esquecemento, abandono e menosprezo”, engadiu ao tempo que lamentou feitos como o recente protagonizado polo Concello da Estrada ao convocar unhas bases para un concurso nas que se pedía que fosen redactadas en castelán. “Como dixo Castelao, o galego non é unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte. Sen o galego, Galiza non existiría”.

Despois foi o quenda da Banda da Lobra, representada pola estradense Andrea Porto, e por Xiana Lastra, unha estradense de nova adopción ao trasladar a súa residencia a Loimil. “Fainos unha ilusión especial recibir este premio nun momento no que a cultura se está vendo danada polo coronavirus e no que nos faltan os concertos e o contacto co público”, manifestou Porto, contenta tamén por recibir este premio no seu Concello. Lastra pola súa parte destacou a importancia de levar o galego ás xeracións máis novas. “Á música custáballe chegar a ese público cando se trataba de cantar en galego. Sen embargo, nestes tres anos vemos cada vez máis público novo que nos sigue”, explicou.