Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Os do croio” recuperan a milenaria tradición do Santo da Pedra

Tarefas de construción do santo feito con croios no alto do Monte da Pedra.

O santo feito con croios xa rematado

Pasados moitos anos, a parroquia de Doade recupera esta antiquísima tradición de construír un santo de pedra no coto que leva este nome, situado a 690 metros de altitude, da man do Museo Casa do Patrón, coa inestimable colaboración dos veciños que aínda lembran telos feito de cativos: Benjamín Iglesias Baldonedo, do Penedo, que foi a persoa encargada de erguer de novo o noso Santo onde tantas veces o fixera outrora, axudado por Manuel Vázquez González, de Taín e José Luís Toimil López, de Codeseda, apoiados por persoal directivo do museo.

Quizais sen sabelo, cando levantaban este monumento lítico no alto do Monte da Pedra en Doade, que os veciños deixaron de facer hai máis de 50 anos, estaban a cumprir unha tradición secular dos pobos antigos, que pasou de pais a fillos durante ducias de xeracións utilizando estes santiños, tamén chamados estantes, mariolas ou homes mortos, para influír na meteoroloxía (erguíanos entre unha ou varias persoas, para pedir que deixara de chover e desfacíanos outros veciños diferentes, cando querían que regresaran as chuvias ás terras da súa parroquia). De feito, aínda hoxe os máis vellos da parroquia aseguran que “se as tronadas veñen do Santo da Pedra, nunca chove”.

Dado enorme valor simbólico deste mineral, unido ás súas altas calidades de dureza, consistencia, luminosidade e reflexo da luz natural e ao feito de que aos veciños de Doade nos alcuman “os do croio” dende hai máis dun século, polo curioso xeito que tiveron os nosos antepasados, cando obrigados pola necesidade alá polo ano 1910, porque lles roubaran o badalo da outra campá da igrexa parroquial de San Pedro, repenicaban á misa cunha soa campá, utilizando o seu badalo por dentro e un croio por fóra, decidimos construír o Santo de croio, unha rocha tamén coñecida como coio ou seixo, do que a cor branca representa a pureza.

O uso simbólico do croio ao longo da historia de Galicia ten múltiples connotacións etnográficas e arqueolóxicas, ligadas ás nosas xentes: É a pedra favorecedora de todas as forzas da vida (curación, saúde, fertilidade, fecundidade, lactación, vitalidade, floración, renacemento...). Utilízase como mineral protector da casa, das persoas, do gando, froitos, terras e campos. Pola estreita vinculación do seixo coas viaxes, a transformación e os cambios de estado na vida. En definitiva, foi un elemento historicamente relacionado co ciclo da vida, dende o nacemento ata a morte, en todos os ámbitos: a fertilidade, a protección, a curación e mesmo como salvoconduto para o alén.

Aínda que a ubicación no monte raso, a unha elevada cota de altitude do “noso santiño”, xunto coas raiolas de sol reflectidas nos brancos cristais dos seus croios perimétricos nos permitirá divisalo dende varios quilómetros á redonda, cabe significar que este antigo lugar sagrado, forma parte do impresionante conxunto arqueolóxico e etnográfico do Coto do Santo da Pedra (composto por unha mámoa de gran tamaño, un vello “camiño real” que pasaba ao seu carón, petróglifos, a Pena e o Santo da pedra, que constitúe ademais unha preciosa terraza natural sobre o Val do Deza), integrado na Ruta da Prehistoria de Doade, roteiro cultural que se atopa en última fase de sinalización, e poderá ser visitado libremente por todo o mundo en breves datas, do que informaremos oportunamente.

Na Casa do Patrón continuamos traballando co ánimo de pechar o círculo da posta en valor do enorme acervo histórico, arqueolóxico e etnográfico da parroquia de Doade, para goce de todas as persoas amantes da cultura e da natureza que teñan a ben achegarse por estas marabillosas paraxes.

Compartir el artículo

stats