Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soledad Felloza | Narradora oral

“Dedícome á docencia, pero son das que penso que para ser narrador hai que nacer”

Soledad Felloza participa este venres nun dos actos do Festival Atlántica cun espectáculo de historias reais contadas con humor

A narradora oral Soledad Felloza durante unha das súas actuacións.

A narradora Soledad Felloza participa este venres nun dos actos do programa Festival Atlántica, que retomou a súa oitava edición tras a irrupción pola pandemia. A narradora oral recalará en Lalín, no Museo Ramón Mª Aller, o venres 13 ás 21:00 horas, con A vida é conto. Ten un aforo limitado de 25 persoas e a entrada é de balde.

–De que trata ‘A vida é conto’?

–É un espectáculo a raíz dunha serie de historias que che traen o recordo de que ‘a min pasoume algo similar’. Empezan moitas delas cun feito real ou que podería ter sucedido, pero que se transforma en conto. Moitas delas, e máis neste tempo que estamos coa boca cuberta, son desas que quedaron pechadas, que non se podían contar ou que ti pensabas que era mellor non contalas. A idea é rir desas historias porque forman parte da vida de cada un de nós, e máis agora que temos esas necesidade de rir. O espectáculo tratará de facer rir, emocionar e sobre todo, sentirse a gusto.

–Algunha desas historias ten vínculo coa pandemia?

–Eu son das que penso que todo isto que nos pasa aínda o imos contar no futuro. Aínda as historias están a suceder, estamos no medio. Eu preciso que repousen un pouco, que se me queden dentro e convivir con elas ata que teñan unha forma. Máis que nada porque moitos aínda estamos coas feridas abertas, principalmente os que tivemos algunha persoa cercana que pasou por isto. É un momento moi delicado e creo que a xente abre os xornais e prende a televisión e é máis do mesmo; entón, creo que necesitamos outros espazos para viaxar a lugares onde suceden outras cousas.

–A intención é separar as historias da actualidade?

–É incrible. Aínda que non queiras, en todas as conversas chega un momento no que vas dar á cuestión que estamos pasando. Estamos entrando en cansancio e desmoralización, entón creo que hai que cargar as pilas. Se queremos chegar ao fondo disto, precisamos ter máis forzas e recuperar a alegría e esperanza. Eu creo que a maneira de lograr isto é mirar cara o que xa pasou. Prefiro contar historias doutros momentos, algúns que pasaron fai pouco, pero que nos van axudar a ver que falaremos do que está pasando como algo que pasou, que nos ensinou moito, ou iso espero.

–Para ser narrador, hai que nacer?

–Eu dedícome á docencia en narración, pero son que penso que para contar, a maiores das ferramentas de formación e estudo, hai que nacer. Eu teño escoitado a persoas que nunca pisaron unha aula de formación, e son uns maravillosos contadores de historias.

–Agora onde imparte aulas?

–Desde o Festival Atlántica temos un curso, que se encontra paralizado pola situación. O que si que imparto son cursos en centros de ensino para tódalas idades. Fai pouco fíxeno online para mulleres artistas que precisaban a narración como unha ferramenta de comunicación.

–O seu sector tamén se atopa afectado pola situación?

–A verdade é que está sendo unha tempada moi dura para o sector, máis que nada porque non tes a capacidade de planificación. É a realidade de todo o mundo. De repente tes o mes pechado de traballo, impoñen limitacións que xorden para protexernos, deixan sen efecto ese traballo. É certo que moitos concellos que nun principio non estaban pola labor, unha vez que viron que isto chegou para quedarse, están apostando por novas tecnoloxías. Sabemos que non é o mesmo, a narración necesita ver á xente, as reaccións; pero tamén é certo que é o noso traballo e moitos de nós estamos mudando as ferramentas presenciais polas virtuais. Eu no persoal sigo apostando polo presencial, aínda que sexa en encontros pequenos. Se é preciso repetir sesións, faise, pero tratar de mantelo, porque a forza do noso traballo está niso, polo menos en vernos aos ollos.

–Sentir ao público, é a base do seu traballo...

–Si. Estes días co Festival é o que máis nos repite a xente. Aínda que hai grupos reducidos, marchaban agradecidos por ter a sensación de estar nunha actividade comunitaria, algo que se está a perder nestes momentos. En todas estas sesións, a xente agradece moito poder participar nestas citas, aínda coas distancias e medidas de seguridade establecidas. É algo, é unha forma de estar xuntos. Por momentos foi moi emotivo o que estamos vivindo neste Festival.

–Que rasgo en común considera que teñen os narradores do Festival Atlántica?

–Cada un de nós ten a súa maneira de contar, pero creo que temos en común a defensa da palabra. Unha defensa da memoria. Un traballo de recuperación non só das historias devanceiras, senón daquelas máis próximas. A memoria da humanidade está feita de historias, e deixar un pedazo sen contar implica que no futuro, esa liña da memoria da humanidade vai ter ocos. Cada un, desde a súa maneira, traballa para que estea o máis completa posible.

–Está traballando nalgún espectáculo novo?

–Si, nun espectáculo que tiña previsto estrealo agora, que é factoría da casa. Temos que esperar que cheguen momentos mellores para lanzalo. En canto ao mundo editorial, está tamén en pausa, porque tes medo de sacar algo e que se perda no medio disto. Eu estou en pausa cun traballo en textos e fotografías, esperando un momento máis primaveral no sector para que vexa a luz. Creando sempre, iso si. Unha das cousas que nos salva aos artistas, que podemos aproveitar para non caer na tristeza e no medo, que sempre está aí, é o noso traballo; crear é o que nos salva.

Compartir el artículo

stats