“Dicen que la distancia es el olvido, pero yo no concibo esa razón”. Este famoso bolero de Lucho Gatica é moi aplicable a outro insigne, o escritor Xosé Neira Vilas. O autor nacido en Gres faleceu en 2015, pero o seu pasamento non significa, para nada, que non siga moi vivo o seu legado a través da Fundación que leva o seu nome.

Por iso, cada 3 de novembro, a entidade conmemora a data do seu nacemento (onte cumpriría 92 anos) coa entrega do Premio de Novela Curta. Este ano, o quinto que se convoca, o premio recaeu na novela A conxura, da escritora e avogada de Ponteceso Diana Varela Puñal. E outra vez a distancia (esta vez social) tampoco puido provocar o esquecemento: o acto de entrega do galardón ía celebrarse nun inicio no auditorio Xosé Casal, non na Fundación, para garantizar a seguridade sanitaria. Ademais da entrega do galardón, estaba prevista a actuación do dúo Queiman e Pousa, co tema inédito Balbino Soñador, así como a presentación do videoclip Subiote, que protagoniza o cantautor Rodrigo Ramos e que está inspirado nun poema de Neira Vilas e a súa dona, Anisia Miranda.

Finamente, cancelouse para evitar riscos, así que o Día de Neira Vilas celebrouse na distancia física, pero na proximidade virtual. A Fundación difundiu na súa páxina web e nas súas redes sociais unha conversa coa escritora e na que tamén participaron o crítico Armando Requeixo. e o presidente da Fundación, Fernando Redondo. Requeixo formou parte do xurado do premio, xunto a dous mebros do padroado da Fundación, Rosalía Morlán e Juan Andrés Fernández.

Ademais, a entidade animou a todas as persoas a sumarse a esta celebración virtual do nacemento do escritor, subindo ás redes fotos dos seus libros ou ben no propio fogar u ben en librerías, bibliotecas e outros enclaves. Propuxo empregar a etiqueta @fundacionxoseneiravilas e o cancelo #3novdiadeneiravilas nas redes sociais, para que todas as fotografías poidan ser publicadas.

Non é a primeira vez que a Fundación Neira Vilas ten que botar man de internet para celebrar os seus actos. O pasado 19 de outubro, Día das Escritoras, estaba prevista en Gres unha lectura pública de textos de Anisia Miranda. A data permitía lembrar ademais o seu pasamento, ocorrido o 22 de outubro de 2009. Pero o avance da segunda ola do coronavirus obrigou tamén a modificar a proposta, de xeito que invitou a todos a grabar vídeos recitando textos desta autora, que logo serían incorporados á web.