Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

O campo dá máis ca vida

No mundo urbano haberá outras comodidades, pero no mundo rural hai moitas oportunidades e tamén moitas posibilidades a realzar e darlles valor. Que estas opcións non estean de moda ou que non sexan aceptadas pola influencia das liñas comerciais, centradas nas grandes superficies e orientadas a atomizar a sociedade, concentrando esta en edificios afastados da natureza, pois xa é un problema de visión, aberto e proxectado só nun modo de vida que erroneamente se ve como único para lograr o benestar.

A xente afeita a falar mal do rural está cargada de prexuízos e tamén pode estar baseada nunha apreciación xerada dende un entorno illado do rural por ignorar que o mundo do campo é a base da economía, é o punto primario de partida que sostén a toda a sociedade.

Os ciclos da mobilidade da poboación entre a cidade e a aldea, ou entre o urbano e o rural, seguen activos e continuarán producíndose constantemente no tempo. Precisamente, este tipo de apreciacións que xera a cidadanía, segundo a etapa de benestar apreciada de forma xeral, debido á economía establecida e á política usada, son as forzas que definen o movemento da poboación. O feito desta apreciación non fai máis ca demostrar que se trata dun proceso subxectivo e non está vencellado de xeito directo, o benestar co mundo urbano e o malestar co mundo rural. Pódense dar os dous estados nun entorno rural ou nun entorno urbano independentemente deste.

Todas as vilas, cidades e urbanizacións que teñen zonas vellas no seu centro ou ao pé, comezaron sendo aldeas ou lugares con poucas vivendas. Que estes lugares teñan poucos fogares e habiten poucas persoas, nos mundos de hoxe, non teñen porqué ser caracterizadas por economías limitadas á supervivencia. Se son encadradas na autosuficiencia, este atributo é un punto positivo e non ten que levarnos a consideralo negativo. Todo o contrario. O rural claro que precisa de máis atención para poder equiparar certos servizos ofrecidos exclusivamente en moitas zonas urbanas pero, por estas limitacións non pode pasarse a desertar e deixar abandonada estas zonas.

O concepto de riqueza nun hábito urbano é alterado e moldeado moitas veces polo alto grao de materialismo e consumismo establecido. A riqueza baseada só no diñeiro monetario fai que outros valores coma poder estar en contacto diario coa natureza queden desprezados ou anulados por completo. Rachando coa orixe que nos dou o ser.

A mentalidade adquirida de asociar a vida no campo á miseria é unha das causas da desidia rural, é unha das razóns apolíticas de apoio e favorecedoras da aceleración e caída demográfica do interior galego. O problema disto indica que a base da economía de proximidade cada vez se limita máis, desfacendo a base da subministración alimentar autóctona dun país.

Mentres haxa industria que permita gañar diñeiro parece que todo vai ben pero cando só se chega a abastecer á poboación con alimento do campo foráneo ao país, este está orfo do rural e vese claramente avivar unha crise e unha dependencia extrema dominada por un gran monopolio alimentario, apartado de todo control da súa sociedade.

*Veciño do Sisto (Dozón)

Compartir el artículo

stats