Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosalía xa non tece sola

Lupe Ríos saca a súa primeira liña de roupa baixo o nome da poeta galega para darlle valor ao téxtil galego e, en concreto, ao lalinense, “que sempre foron uns referentes”

Lupe Ríos mostra algunha das prendas da súa primeira colección “Rosalía”. | // BERNABÉ/ANA AGRA

Desde aquí vexo un camiño que non sei adonde vai; polo mismo que n’o sei, quixera o poder andar. Con este poema de Rosalía de Castro, a lalinense Lupe Ríos presentou nas redes sociais a súa primeira colección de pezas confeccionadas por ela mesma. Apunta que este era un dos seus grandes soños e, aínda que os tempos son difíciles, presentalo suponlle unha grande alegría.

“Darlle xeito a algo co que levaba soñando moito tempo, faime moi feliz, e aínda que parece que non é momento, había que arriscarse”, resalta Ríos. Así xurdiu Rosalía, a colección formada por sete pezas de punto, aínda que en cada unha delas pode haber variedade en canto ás cores. “A idea é que naza para renovarse cada pouco tempo; é dicir, nun mes e medio, máis ou menos, lanzar outra colección diferente, de forma que a xente sempre teña cousas novas para escoller”, explica. Continuará facendo coleccións pequenas e creando novas prendas. Rosalía son pezas que tanto pode poñer unha moza como unha señora de 65 anos, “trátase dunha colección que vai do xuvenil ao clásico; si é certo que hai pezas que non a poñerían todas as idades, pero tamén depende de como a complementes”, puntualiza.

En canto ao talle, apunta que son pezas que se axustan a diferentes corpos. “É o bo destas pezas, por iso collín tallas que abarcan uns centímetros de diferencia, que se adaptan a corpos máis miúdos e máis anchos”, comenta. Polo momento conta cun stock “modesto”, pero que variará en función da demanda que haxa en cada unha das pezas. “Se vexo que unha das chaquetas ten moita saída, pois tratarei de facer máis pezas desas, tamén me serve para ir coñecendo o que máis busca a clientela”, resalta. Apunta que a venta será a través dunha plataforma dixital que sairá á luz na vindeira semana. Aínda que non descarta contar co seu propio espazo físico na localidade, “pero todo se verá, en función da demanda que teña e do que poida facer, de momento son pequenos pasos”, comenta.

A tea que emprega nas pezas é o punto, que é ao que se dedicaba de sempre. “Son chaquetas e xerseis principalmente, pero que se poden empregar de diferentes formas”, explica. “Hai chaquetas de punto lisas que se poden levar como se fosen xerseis, sen nada por abaixo, ou cunha camisa; outras prendas que poden ir con tacóns, para ir máis elegantes, ou con zapatillas, para ir máis deportiva”, resalta. As ideas de crear estas pezas en concreto, xurdíronlle por notar a súa ausencia no mercado.

“A miña inspiración foi crear algo que a min me gustaría mercar, pero que non encontraba en ningún sitio; eu as prendas que fixen teño claro que as tería todas no meu armario”. Destaca que o tacto da roupa “é algo esencial para min, si que podes atopar prendas de punto similares, pero non coa calidade e a textura que teñen estas, e iso é o que marca a diferencia con respecto ao que xa hai”. Trátase de tecidos suaves e agradables, “que se adaptan moi ben a tódolos corpos”.

O nome tíñao claro: Rosalía. “Porque me gusta, porque me sinto galega e ela é unha mostra das mulleres galegas, e quería representar iso no nome da colección”, puntualiza. Engade que tamén é unha forma de darlle valor ao téxtil galego e en concreto o lalinense, “que sempre foron e serán uns referentes en canto á produción”. Ten claro que as seguintes coleccións levarán nomes en galego, “porque eu son galega, falo galego, e porque quero darlle o valor que ten desde o téxtil”.

“As máscaras seguen sendo un éxito”

Lupe Ríos foise adaptando aos tempos, aínda que sinala que non están sendo fáciles para o seu sector. “Como non baixen os prezos, soster ás empregadas nas fábricas é todo un reto, necesitamos que miren máis por nós”, destaca. Tras meses coa produción parada e coas ventas que se están mudando a internet, “algo que chegou para quedarse, por iso hai que adaptarse a elo”, había que facer algo para estar nos novos tempos. As máscaras son o complemento obrigatorio “que nos acompaña a onde imos”, por iso decidiu emprender a creación deste artigo. “Foi unha gran sorpresa que tivese tanto éxito e que máis aínda, que se siga mantendo agora mesmo”. Apunta que a demanda segue sendo alta. Nun principio, empezou a facelas con bandeirolas, logo os deseños foron aumentando, metendo máis cores e outros deseños. “Cheguei a ter ofertas de empresas, unha en concreto da Coruña, para levalas polo norte de Galicia, pero non tiven tempo físico para valorar este ofrecemento, porque estiven entregada ao proxecto”, resalta. O mesmo lle aconteceu coa colección de prendas Rosalía. Leva tan só dous días publicada nas redes sociais, e xa recibiu chamadas de tendas da localidade, Silleda ou incluso Lugo para “dicirme que querían vender a roupa nos seus locais; tamén teño pendente concretalo, farei todo público nas redes sociais para que a xente saiba onde pode atopar a roupa”

Compartir el artículo

stats