Imaxe de arquivo das integrantes do grupo A Banda da Loba. | // PIXELÍN PHOTO

Vagalumes e A Banda da Loba (ABDL) son as dúas entidades que no presente ano serán galardoadas co Premio San Martiño de Normalización Lingüística da Estrada. A decisión que recoñece o seu importante labor a prol da lingua foi adoptada na sesión celebrada polo Padroado dos Premios San Martiño na xornada do luns, 26 de outubro en dependencias da casa consistorial da Estrada. Nesa sesión de traballo, o padroado resolveu por maioría concederlle cadanseu premio San Martiño de Normalización Lingüística 2020 á Asociación Cultural Vagalumes e á agrupación musical ABDL.

Se ben a entrega dos Premios San Martiño da Estrada sempre se celebra no transcurso dun acto público que está marcado no almanaque estradense de cada ano como unha cita importante con aquelas persoas, entidades e institucións que favorecen a normalización lingüística nos seus respectivos eidos –na Estrada, na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, en Galicia ou a través de toda unha vida– nesta ocasión motivos de protocolo sanitario impedirán celebrar ese acto público de honra ás persoas e ás entidades que se significan pola súa loita en favor da lingua.

Iso si. Os galardoados recibirán os seus respectivos recoñecementos no Teatro Principal, como sempre. Pero, en lugar de facelo no acto público de asistencia aberta a quen desexe asistir que se adoitaba celebrar cada ano, recibirano no transcurso dunha rolda de prensa que terá lugar o venres 13 de novembro, cos medios de comunicación local como testemuñas e correas de transmisión do que alí ocorra para contarllo á veciñanza.

Ese día, a Asociación Cultural Vagalume recibirá o Premio San Martiño á difusión da lingua galega na comarca Tabeirós-Terra de Montes. Segundo a exposición de motivos explicitada polo padroado, a concesión a Vagalumes deste galardón “baséase no longo percorrido da asociación no desenvolvemento e fomento da lingua galega, desde o ano 2009 ata a actualidade, promovendo conferencias, coloquios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais, teatro, publicacións de libros e homenaxes (como o derradeiro co gallo da conmemoración do centenario do Emigrado 1920-2020) a prol da normalización, defensa e difusión da nosa lingua”.

E A Banda da Loba recibirá o Premio San Martiño á difusión lingüística no ámbito galego. O fallo dos Premios San Martiño feito público onte a través dun comunicado subliña que este grupo “pasa por ser na actualidade, despois tan só de dous traballos discográficos –Bailando as rúas (2017) e A Fábrica de luz (20198), unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego”. Igualmente, fai fincapé en que a banda –na que militan as irmáns Andrea e Marcela Porto, de Codeseda- caracterízase “no aspecto creativo polo seu eclecticismo, aunando a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska”. Incide tamén o padroado en que “a súa identidade como banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua”. E, por último, recorda que ABDL ten musicado poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro, Manuel María” ou a poetisa por excelencia de Galicia, Rosalía de Castro.