Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Diana Varela | Premio Neira Vilas de Novela Curta

“Tratei de trasladar a arañeira que ten a burocracia”

“Xosé Neira Vilas interésabase polo que facías, e sempre te aconsellaba”

Diana Varela recollerá o  
galardón o vindeiro martes.

Diana Varela recollerá o galardón o vindeiro martes.

O vindeiro 3 de novembro, Diana Varela Puñal recollerá en Vila de Cruces (no auditorio Xosé Casal, en lugar de na sede de Gres) o V Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes. “Parece que me trae sorte a figura de Neira Vilas”, apunta, porque xa en 2012 esta escritora e editora coruñesa gañou o Premio Estornela de Teatro con Arlequino Vivecersa.

–¿Cal é a trama de A conxura, a obra coa que conseguiu este premio?

–É unha novela crítica, con moita imaxinación e tamén con sentido do humor. Tratei de trasladar esa especie de arañeira que ten a burocracia, esas historias con frases como o de “vuelva usted mañana”. Debido ao meu traballo como avogada, tamén fixen algún guiño á linguaxe xurídica.

–¿Creou a novela específicamente para o concurso, ou xa viña de atrás?

–Hai un texto no que xa veño traballando moito tempo. A composición desta novela pasou por mil formas. Eu traballo sempre como nunha especie de collage, e nun determinado momento vexo que as pezas encaixan.

–É a segunda vez que recibe un premio da Fundación Neira Vilas. ¿Cómo lle influiu o escritor de Gres?

–Teño que dicir que a todo o que vén desta Fundación lle teño especial estima. Coñecín a Neira Vilas en 2012, co premio Estornela, Daquelas eu estaba nesa vertente de teatro para nenos, e presenteime para probar sorte. Desde entón, Neira Vilas e eu comezamos a cartearnos e a falar por teléfono. Tiñamos unha relación de colegas e para min sempre foi un referente, porque se interesaba polo que facías,e aconsellábate.

–Igual que Neira Vilas, vostede tamén é polifacética, posto que ten publicacións tanto en poesía como teatro ou narrativa. ¿Síntese máis cómoda nun xénero en concreto?

–Escribo nun ou noutro segundo o que necesite expresar. O tema dos xéneros e unha situación complexa. Lembro empezar a escribir despois da carreira, cuns 22 anos. Despois presenteime [en 2006] ao Premio de Poesía Uxío Novoneyra, cando era unha auténtica descoñecida.

–No seu curriculum podemos ver varios premios e a posta en marcha de Medulia Editorial, en 2014. ¿Como ve a situación actual pla que pasa a literatura, en plena pandemia sanitaria e económica?

–Sería un acto de cinismo culpar ao Covid da situación que vive a cultura, porque en xeral hai unha concepción dela como algo secundario, a pesar de que a cultura permite que a sociedade teña pensamento propio e posibilita outro tipo de industrias. Penso, por outra banda, que agora a xente está lendo máis que nunca,e tamén que está quedando en evidencia unha carencia que xa existe desde hai demasiados anos, que é a da necesidade de apoiar a outros sectores, e non só ao sector servizos. Tamén é certo que o noso ámbito non é só mercar libros, hai máis paus que cómpre ter tamén presentes.

Compartir el artículo

stats