Pero isto non quere dicir que non haxa alternativas para vivir esa entrada no Ano Novo Celta e no outro mundo. No CEIP Varela Buxán, de Cercio, os nenos poderán acudir disfrazados ao colexio este venres. Iso sí, non deben nin maquillarse nin levar máscaras. Os pais e nais tampouco poderán disfrutar desta festa cos seus pequenos, nin neste nin nos demais centros educativos das comarcas, para minimizar o risco de contaxio. Neste de Cercio, a ANPA quere promover unha serie de xogos pintados no chan, aproveitando que o centro dispón dun patio cuberto. Baralla, tamén, varias propostas dentro do concepto de ‘patios saudables’.
Sen sair de Lalín, no CEIP Xoaquín Loriga, de Prado, os nenos tamén poderán acudir disfrazados. Durante estes días, cada estudante leva ao centro unha receita a base de productos de temporada. Con todas as que se xunten, o centro montará un video que poderá verse en Youtube. Ademais, ten en marcha o proxecto A volta ao mundo en 80 días. Cada aula traballa un país e un conto de medo inspirado nel. Con todos eles, o colexio ten previsto darlle forma a un libro tan inquietante como didáctico.
En Silleda, no CEIP do casco urbano cada aula está traballando no significado destas datas. Por iso, os estudantes deben levar cartulinas de cores para darlles forma de cara de vampiro, por poñer algún exemplo. No colexio Ramón de Valenzuela, na localidade da Bandeira, antano facíanse exposicións de cabazas para decorar o centro e nos días inmediatos, unha bruxa encargábase de irlle deixando pistas aos escolares, e tamén caramelos, de paso, para ir quentando o ambiente cara ao venres inmediato ao 31 de outubro. Pero este ano e ante a imposibilidade de celebrar unha gran festa para pequenos e maiores, o profesorado anima aos escolares a decorar unha cabaza na casa, sacar unha foto con ela e enviala ao centro entre os días 2 e 6 de novembro. Con todas as recreacións, o colexio editará un vídeo que poderá verse na web do colexio e tamén en Youtube. Hoxe mércores o corpo de docentes decidirá se o venres poden acudir os estudantes disfrazados ao centro, no que o luns, 2 de novembro, será xornada festiva.