Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A dita da infelicidade

Sermos felices ou sermos obedientes. Esta é unha dicotomía adoita na poética de Chéjov. Amarga é a felicidade que viven moitos dos seus personaxes; entre eles este Niujin Stepanovich que, con zancada irónica e case distendida, repasa toda unha vida chea de infelicidade.

Todos os personaxes máis interesantes de Chéjov acostuman a ser personaxes frustrados. Personaxes que presentan unha grande incapacidade para afrontar os problemas que as circustancias da vida lles presentan. En consecuencia, emprenden unha fuxida cara ningures, chea de tenro patetismo e que obriga, ao mesmo tempo, ao espectador a asomarse a ese espello crítico no que se reflexa o seu propio acervo vital.

Sermos felices ou sermos obedientes; porque ese é, ao cabo, o anverso e o reverso da nosa realidade existencial, e o que fai que o máis insignificante personaxe de Chejov requira do actor que vai a darlle vida, un esforzo interpretativo maiúsculo. É aí, onde calquera proxecto teatral encamiñado a poñer en escena un texto coma este, esixe do actor unha maleta de vivencias, un proceso de interiorización e unha capacidade intuitiva, extraordinarias.

Só a sinerxia e o talento creativo de Gonzalo Valcárcel, dando vida a Niujin Stepanovich, e de Santiago Cortegoso, nas tarefas de adaptador e director, podían facer que esta proposta escénica estivese á altura da complexidade deste personaxe. Un exercicio interpretativo concibido coma un salto sen rede ao baleiro, que só dous grandes da escena podían ser quen de afrontar e solventar con éxito.

Un espera que o éxito sexa máis vivo, brillante e popular que o fracaso, pero non sempre se dá este caso. Sobre o mal que provoca o tabaco triunfa malia a súa amarga visión da felicidade, malia o minimalismo do seu plantexamento escénico (capítulo aparte merecería o excelente traballo do trío musical, cuxa funcionalidade é basicamente a de facilitar a dixestión do drama), e malia o seu estilo contracultural. Contra a tiranía trivial da stand-up comedy, velaquí un monólogo cheo de intelixencia, humanismo e universidalidade. Fronte a obediencia dos patróns de moda, velaquí unha aposta pola dita da infelicidade.

Sermos felices ou sermos obedientes. Logo de 50 minutos de grotesco patetismo, chegada a hora de asomármonos ao espello para sumarnos ao pelotón dos felices ou ao dos submisos, un non pode máis que elixir a bancada da infelicidade. Como non sentir mágoa por todos aqueles que, alí e a aquela hora do venres, ignoraron que algo tan marabilloso estaba a suceder a poucos metros das súas vidas?

Sobre o mal que provoca o tabaco estreouse no Teatro Principal da Estrada o 23 de outubro.

*Xerente da Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada

Compartir el artículo

stats