O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) publicou onte oficialmente as bases das axudas que concede este ano a Deputación Provincial de Pontevedra para “dar prestixio” ao galego. As subvencións, segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, chegarán aos 220.000 euros e repartiranse entre as entidades sen fins de lucro (120.000 euros) e os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia (100.000 euros). Para acceder ás subvencións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega, as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia, o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego. O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comeza a contar a partir de hoxe e ten unha duración dun mes. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, segundo informan dende a Deputación.