Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“As comidas e as ceas son unha moi boa medicina porque aplacan a ira”

“Os do oficio sobrevivimos a base de aforros, de axudas familiares ou pasándoo mal”

Celso Fernández Sanmartín nunha recente fotografía.

Celso Fernández Sanmartín, Celsiño para todo o mundo, leva como pode o parón derivado da pandemia do coronavirus. Estes días é noticia por partida dobre. O poeta e contacontos forma parte do proxecto Un mantel de contos xunto ao cociñeiro local Diego López e tamén ven de publicar o poemario Libro para a casa dos avós de Noelia de Alperiz co que pretende contriguir á reparación da vivenda familiar dunha amiga tamén artista.

–Que foi o que lle atraeu da iniciativa xunto a Diego López?

–Chamáronme e dixéronme que Diego e máis eu temos dentro do marco que eles nos propuxeron liberdade para presentar unha proposta que responda a ese título. Tanto polo mantel, que se refire á comida,como aos contos que teñan que ver coas comidas e coa sobremesa. Eran os mellores momentos para poderse contar as cousas. Aínda hoxe o siguen sendo, as grandes negociacións políticas e económicas adóitanse facer en comidas. Digamos que as comidas e as ceas son unha moi boa medicina e ferramenta porque aplacan a ira. Incluso os contrarios son favorables a atender mellor as propostas dos antagónicos.

–Cal é a súa achega a esta iniciativa cultural novedosa?

–Eu vou poñer contos a esta proposta. A idea base é coller dous animais que non son de aquí, que veñen de fóra, un do aire e outro do mar. Neste caso unha arcea, que vén das terras de Siberia e entra no outono e é un animal casi típico dentro da gastronomía de caza, e despois coller ao atún, que tamén empeza a ser agora a súa tempada. Dos dous hai moito que contar, que Cunqueiro e José María Castroviejo, que coñecían as terras do Deza moi ben, pois teñen falado deles nos seus escritos e na súa obra. Pero tamén hai un homenaxe.

–A quen ten pensado render homenaxe nesta proposta?

–Eu propúxenlle a Diego López que este proxecto se convirta nunha homenaxe ao seu avó, Nicanor, que leva a horta do Feal. Entre José María Castroviejo, Álvaro Cunqueiro e Nicanor fariamos un tres pés facendo más fincapé en Nicanor porque é o mellor fabulador oral vivo que temos en Lalín. A día de hoxe, que anda polos 91 anos, aínda segue cultivando a horta do Feal nun lugar de xuntanza para facer comidas dende fai moitos anos. É coma todo, recompilar é convivir. Para min recompilar é poder estar tempo con Nicanor e coñecelo, e teño de veciño e de amigo.

–Como lle vai a un artista tan polifacético nesta pandemia?

–Pois moi fastidiado porque, mira, ti date conta que para min os meses de abril, maio e xuño eran os meses onde eu tiña o groso do meu traballo. Deses meses eu sacaba para prorratear para o resto do ano. Salvo unha actuación que tiven no Luar da Televisión de Galicia, o resto dos meses remataron a cero ingresos. Polo tanto, nestes momentos como a maior parte da xente deste oficio estamos subsistindo a base de aforros ou de axudas familiares ou pasándoo mal directamente.

–Supoño que aproveitou o tempo para seguir creando?

–Tanto tempo libre dache a oportunidade para pensar en moitas cousas. Dende logo, non parei de escribir e incluso publiquei a diario nas redes sociais. Teño que decir que a elaboración do poemario para Noelia de Alperiz veume moi ben porque fixen memoria sobre o tipo de vida que se facía nas casas de aldea, do tempo do encerro da pandemia e do encontro coa casa á que lle adico o poemario porque foi como un momeno catalizador na miña vida. Todas esas enerxías e ansias e intereses e reflexións que eu tiña confluiron na casa dos avós de Noelia de Alperiz. Aí materializáronse no libro que agora xa está a venda para que todo o mundo o poida saborear tanto como eu.

–Lembro que unha vez dixo que a poesía non dá explicacións, unha fermosa frase que non sei si aínda a sigue mantendo?

–Por suposto. E dixen tamén que o que realmente fai é dar pasos no misterio. Sigo pensando o mesmo, claro. E se non me lembro mal incluso comentei que os humanos somos seres simbólicos e atopamos compañía e consolo en cousas que sendo materiais din moito máis alá. Son cousas que van moi vencelladas entre sí dende sempre.

“Teño unha relación íntima coas casas vellas”

–É certo que a xestación do poemario adicado a Noelia ten unha fermosa historia?

–Foi unha maravilla. Tiven a sorte e a casualidade de que coñezo Noelia. Un día falando con ela explicóume que dentro do seu periplo vital e despois de ter estado en moitas partes do mundo traballando e vivindo, enton decideuse a vir para a casa que deixaran baleira os seus avós cando eles faltaron, que queda en Alperiz. É unha casa que eu non a coñecía. Eu teño familia en Alperiz pero en concreto desa casa non me daba de conta. Un día díxome de ila ver e estivo unha mañá ensinándome a casa. Desa mañá, sin eu tomar apuntamento ningún por escrito, nada máis que unhas fotos que tamén saen no libro, saleu o libro.

–Que se conta no libro?

–É unha pura reflexión sobre o habitar. Que é habitar unha casa? Que é buscar as raíces? E que é esa necesidade que temos de volver a algún sitio concreto para vivir nel. Eso é no que ela está nestes momentos empeñada e a min resultóume conmovedor, non? Chamoume a atención cunha persoa nova que seguramente se podería gañar a vida moito mellor saíndo fora, pero ahí está a decisión persoal de cada un que ten por tirar pola tranquilidade da alma, non?

–Sorprendeulle que todo xudira dese xeito tan natural?

–Non é tan casual. Eu coñezo moitas casas vellas de aldeas porque teño familia en Sello e Bermés e tamén en Feás. Na miña infancia coñecín moitas casas vellas e vin cómo era a vida nelas. A miña propia casa ata que se reformou era coma unha casa de aldea. Entón a miña relación coas casas vellas sempre foi moi  íntima. Eu son unha persoa moi familiar e para min todo esto que pasou na pandemia levoume a pensar cál era a diferencia que había entre unha casa e un piso. Durante o tempo da pandemia publiquei no Facebook durante mes e medio un relato referido á casa todos os días. Digamos que isto foi a guinda a ese pastel tan especial para min.

Compartir el artículo

stats