O veciño de Dozón Mario Vila trasladou ao consistorio a petición de que se cambie, “con efectos a todos os núcleos de poboación do municipio, os nomes de lugares e parroquias, que se atopan de maneira errónea no censo electoral e comunique estes ao Instituto Nacional de Estadística”. Expón que na súa inscrición do censo electoral segue aparecendo como domicilio, Sixto (San Juan P.), mais sinala que é incorreto e que debería ser Sisto, O (San Xoan P.).

Esta petición foi trasladada ao Instituto e tamén á Real Academia Galega. Foi esta última a que se puxo en contacto con Política Lingüística para que se corrixan os nomes dos lugares do concello, indicando que adopte as medidas oportunas co consistorio para que respecte a toponimia oficial. Vila sinala que desde a administración local non lle deron resposta desde que presentou a queixa, en agosto.