O 22 de outubro de 2009 finaba Anisia Miranda, compañeira de vida do escritor Xosé Neira Vilas e unha literata bastante máis coñecida en Cuba que neste lado do Atlántico, pese ao tremendo labor didáctrico que xunto ao seu home fixo dende a Fundación de Gres. A proximidade da data do seu pasamento co 19 de outubro, Día das Escritoras (conmemórase desde o ano 2016), é moi axeitado para resaltar o labor literario desta cubana de pais galegos, recriada na Arxentina e que voltou ás terras da súa familia a comezos dos anos 90.

A partir das 18.00 horas e na zona exterior da casa, a Fundación Neira Vilas acollerá unha lectura de varios textos inéditos de Anisia Miranda, algúns deles poemas que van aparcendo e que nun futuro poderían ser publicados, en función de todo o material que se vaia conseguindo.

Fernando Redondo sinala a conveniencia de lembrar desta maneira, a Anisia Miranda. Cada ano organízase unha actividade por estas datas no seu honor. Indica que Miranda tivo unha vida singular, posto que naceu no rural de Cuba e ante a súa insistencia para acudir a clases, a familia mudouse a La Habana. Xa adulta, traballou na Editora Nacional con Alejo Carpentier e cando emigrou a Arxentina aprendeu galego tendo como mestre, entre outros, a Eduardo Blanco Amor. Edicións do Castro traduciu ao noso idioma os seus Mitos y leyendas de la antigua Grecia. Edicións A Fervenza, pola súa banda, encargouse de traducir tamén varias das dúsa obras de ficción. Moi coñecidas sob as súas obras de teatro para nenos e nenas e adolescentes

O acto está aberto a todas as persoas que desexen acudir, con todas as medidas de protección que marca a normativa sanitaria. É dos primeiros actos que acolle a entidade trala súa reapertura, e dos poucos que a nivel galego se suman a este Día de las Escritoras. A efeméride está organizada pola Biblioteca Nacional de España, a Asociación Clásicas y Modernas e a Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias. A nivel galego, só hai seis actos organizados para ese día: ademais do que prepara a Fundación Neira Vilas, prográmanse citas para resaltar o labor das mulleres escritoras na biblioteca pública Ánxel Casal, de Santiago; nos IES Johan Carballeira, de Bueu e Castro Alobre, de Vilagarcía de Arousa;e na Asociación Lisístrata. Ademais, ao longo deste mes a rede de bibliotecas escolares de Galicia difunde esta actividade e as propostas que vaian xurdindo nos distintos centros educativos.