Neste ano 2020, conmemoramos os 25 anos desde a adopción da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing: a axenda global para promover os dereitos e o empoderamento das mulleres e as nenas a nivel mundial.

Os Días Internacionais dannos a oportunidade de sensibilizar ao público en xeral sobre temas de gran interese, tales como os dereitos humanos, o desenvolvemento sostible ou a saúde e ao mesmo tempo chamar a atención dos medios de comunicación e os diferentes Gobernos para dar a coñecer problemas, aínda sen resolver, que precisan a posta en marcha de medidas políticas concretas.

O 19 de decembro de 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Resolución 66/170 para declarar o 11 de outubro como Día Internacional da Nena e recoñecer os dereitos das mesmas e os desafíos únicos aos que se enfrontan en todo o mundo, así como promover o seu empoderamento e o cumprimento dos seus dereitos humanos.

As prácticas nocivas habituais sobre as nenas aumentan por mor das grandes pandemias mundiais, que agravan as violencias machistas, a trata e a prostitución, o matrimonio infantil, o control sobre os seus corpos, a súa sexualidade e os seus desexos, a mutilación xenital feminina, a pobreza, e a falta de acceso a unha educación en igualdade.

No noso contexto, cabe destacar ademais que a maioría da publicidade, dos videoclips musicais e das series e programas xuvenís ofrecen unha imaxe da muller como obxecto decorativo ou sexual e cada día a máis curta idade. Segundo varios estudos máis da metade das nenas están excesivamente preocupadas pola súa aparencia, e máis dun terzo polo seu peso, o que en moitos casos provoca graves trastornos na súa saúde e na súa personalidade.

Lograr a igualdade de xénero e o empoderamento da muller é parte integral de cada un dos 17 obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Só garantindo os dereitos das mulleres, e particularmente das nenas, en todos os obxectivos chegaremos á xustiza e a inclusión, a economías que funcionen para todos e todas, e a manter a nosa comunidade agora e para as xeracións futuras. Desde o Concello de Lalín facémonos eco das voces das nenas e adolescentes que, reivindican o seu poder como impulsoras do cambio para que poidan vivir libres da violencia por razón de xénero e aprender novas habilidades para o futuro que elas elixan.

As nenas e adolescentes teñen o dereito e o potencial de mellorar o mundo e para que todas poidan ter unha vida segura, saudable e cunha educación plena a medida que maduran e se converten en mulleres.

É o noso desexo e a nosa obriga, que como nenas empoderadas de hoxe poidan chegar a ser mulleres cultas, traballadoras, emprendedoras, mentoras, xefas, líderes sociais e políticas do mañá, ou aquilo que libremente decidan chegar a ser.