'Mamasunción' merca en Silleda
Logo de trece anos fóra do país, Estefanía Fernández e Xosé Filloy renden homenaxe á emigración cun proxecto comercial que aposta polo produto local, orgánico e a granel

Xosé Filloy González e Fani Fernández Míguez ultimaban onte a posta a punto da súa tenda / // Bernabé/Ana Agra
Silleda
Coma tantos outros galegos, Xosé Filloy González e Estefanía Fernández Míguez fixeron un bo día as maletas e puxeron rumbo a Barcelona, primeiro, e logo ás Antípodas, terra da que se namoraran na súa lúa de mel. Logo de trece anos fóra, a familia -teñen dúas fillas- recuncou na súa terra en febreiro pasado. Chegaran a Silleda coa idea inicial de abriren aló polo mes de maio ou xuño pero, nas súas propias verbas, "Murphy tamén habita polas terras de Trasdeza e, como acostuma pasar, todo o que podía sair mal saiu mal. Pandemia incluída". Así e todo, sete meses despois, a súa nave chega, por fin, a porto e mañá, luns, abrirá as súas portas Mamasunción ou, como eles gustan de dicir, "o cambio (eco)lóxico".
Mamasunción debe o seu nome á curtametraxe dirixida por Chano Piñeiro no ano 1984. O cineasta de Forcarei relata a historia da Tía Sunción, unha muller moi maior dunha aldea do interior de Galiza que durante máis de 40 anos acudía diariamente á oficina de Correos á espera dunha carta do seu fillo emigrado en México. Os motivos de por que elixiron este nome para a súa tenda son, para Xosé, evidentes: "Para nós, Mamasunción é unha historia de emigración, de como se facían as cousas antes no noso país e de que hai cousas máis importantes que os cartos; se a isto lle sumas que sempre quixemos que a tenda tivese nome de muller é doado comprender por que pensamos que o noso proxecto só se podía chamar Mamasunción".
Ningúen mellor ca eles mesmos para explicar en qué consiste a súa iniciativa: "Pois Mamasunción é, basicamente, unha tenda que quere facer as cousas dun xeito sustentable e con sentidiño, apostando polo produto orgánico, a granel e local". Nesta nova tenda poderanse atopar tanto o mellor da horta orgánica e de temporada (froita, verduras e hortalizas) coma lácteos variados; todo tipo de produtos a granel (legumes, cereais, fariñas, especias, infusións, cafés, aceite, produtos de limpeza...); e tamén unha escolma de produtos galegos de calidade (mel de Lalín, marmeladas de Forcarei, sidra da Estrada, pan de Silleda, etc.). De feito, como recorda Fani, "para nós foi toda unha sorpresa voltar ao país e descubrir que hai un montón de xente desenvolvendo proxectos de vida ben fermosos e producindo cunha calidade que non ten nada que envexar á de ningún outro país. Só o feito de poñernos en contacto con xente tan interesante [refírese aos máis de 50 provedores] xa fixo que pague a pena esta viaxe".
Máis que alimentación
Pero en Mamasunción a alimentación "é só a metade da historia". Un paseo pola tenda permite descubrir outras pequenas seccións que coinciden en "intentar axudar aos nosos veciños a levar un estilo de vida máis saudable e sustentable", como son a cosmética orgánica, a crianza natural ou produtos de papelería, agasallo e artesanía. Todo procede de produtores e deseñadores locais "con valores afíns aos de Mamasunción, axudando así a que a nosa riqueza non marche fóra". Quen visite o establecemento atopará, asimesmo, un proxecto decorativo baseado no aproveitamento de mobiliario de segunda man e na colaboración con creadores locais. "O que non atopará son plásticos nin cousas importadas de Asia ou deseñadas en Suecia", apuntan os seus promotores, para remachar: "Como ten que ser. O cambio lóxico."
Emprazada no 98 da rúa Trasdeza, Mamasunción abrirá as súas portas este luns, día 5 de outubro, ás 8:30 horas. Como medida de protección contra a Covid-19, os seus promotores non farán un acto de inauguración con público, pero si esperan poder argallar algo de xeito virtual no día de hoxe, domingo. Coma cando, un 25 de xullo de 1985, abría as emisións da Televisión de Galicia (TVG), Mamasunción volve estar de estrea, esta vez facendo país desde un recuncho de Deza. So queda agardar que se manteña no aire, alomenos, tantos anos coma o ente público.
- Un arquitecto pagará 295.000 euros a un cliente por no avisarle de que la finca que compró en Toralla no es edificable
- El legado de una casa de Vigo okupada tres años: «No dejaron ni los recuerdos»
- El ganadero que perdió 22 vacas fulminadas por un rayo: «Habrá que seguir; es lo que sé hacer y llevo así toda la vida»
- Peregrinaje contra el alcoholismo: «Creía que iba a las discotecas a bailar, pero iba a beber para tener esa chispa»
- Una playa de Galicia se cuela en el ranking de las 50 mejores del mundo en 2025: es la única de España en la lista
- Fiesta en la Carnicería de José.
- Este es el «paraíso azul de Galicia», el municipio con más playas con bandera azul de toda España
- La mujer de O Barco que saltó del balcón para huir de su pareja preguntó esa mañana cómo separarse pero no denunció violencia