Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A lenda da Virxe da Pena

Nos montes de Agolada os bolos graníticos quedaron esculpidos con curiosas figuras

A formación rochosa coñecida como Pena da Virxe. // Ángel Utrera

No monte de Trascastro (Trabancas-Agolada), límite xeográfico natural con Antas de Ulla, no lugar coñecido como O Marco, están as terras que discorren a cabalo entre as parroquias de Trabancas e Borraxeiros, onde orixinariamente se localizaba o Concello de Agolada, ademais da casa cuartel da Garda Civil. Ao longo da cara oeste da Serra, xa en terras de Trascastro lindando coa veciña Antas de Ulla, nos lugares de Ludeiro e Fonfría, atopamos unha serie de pequenas elevacións nas que os bolos graníticos, polo capricho de tempo e os elementos, quedaron esculpidos con curiosas figuras e formacións sorprendentes, ao longo das cimas dos montes de O Outeiro, con 646 metros de altitude, ou O Pico Longo, que se eleva ata os 762 metros, e A Pena Parrosa, con 712 metros, que, aínda que non alcanzan os 804 do Farelo Pequeno, ou os 962 metros do Farelo, tampouco son nada despreciables. Precisamente entre O Outeiro e A Pena Parrosa atopamos o monte do Marco e o Pico Longo, límite coas Meigas do lugar de Fonfría, xa en territorio de Antas de Ulla. Outeiros nos que remata a Serra do Faro, que alcanza o punto máis elevado no cumio do Farelo, dende o que vai marcando o vértice e límite natural das chairas de Agolada, Antas, Palas e Melide, podemos visitar, subindo por unha das súas pistas de terra, o que se coñece polas xentes do lugar como A Pena da Virxe, preto doutro dos lugares míticos e cheos de simbolismos do noso concello: o Coto dos Mouros.

Curioso como unha vez máis o poder da Igrexa vén a aplicarse sacralizando lugares máis ou menos afíns á cultura castrexa, ou con paralelismo con ela. E deste xeito o lugar onde posiblemente existiu algún asentamento castrexo, do que tan só temos restos en petróglifos e mámoas, quedou privado do seu efecto, pola capela da Virxe da Pena, hoxe desaparecida. Trátase dunha curiosa formación rochosa, arredor da cal se localiza a desaparecida ermida, da que unicamente podemos adiviñar a forma, seguindo as marcas no chan das pedras e a memoria dos máis vellos do lugar que aínda gardan recordo e o contan, como nos foron indicando o Sr. José e a súa esposa, os nosos amables guías, veciños do lugar de Romariz.

Segundo contan os vellos, a rivalidade entre as xentes de Borraxeiros e as de Trabancas era de tal calibre pola custodia e propiedade da Virxe da Pena que se veneraba naquela capela, que en certa ocasión, aproveitando a escuridade da noite, veciños de Borraxeiros subiron ata o lugar para apoderarse da Virxe, que levaron con eles e quedara na súa fermosa igrexa románica, no lugar de Quinteiro. Pola súa parte, as xentes de Trabancas ao descubrir o roubo decidiron ir denunciar os feitos ante a Garda Civil, co fin de recuperar e devolver a talla de novo para a súa ermida, se ben e para evitar novos intentos de apoderarse da virxe, o párroco de Trabancas propuxo que se baixara a estatua á igrexa parroquial, onde sen dúbida estaría moito máis segura.

Así foi como finalmente acordaron que a Virxe da Pena baixara ás Trabancas, onde quedou destinada ao culto dos devotos e fieis ata que un mal día desapareceu para sempre, sen que ninguén saiba exactamente qué pasou, se foi roubada, vendida, ou como tantas outras pezas, obras e restos do noso patrimonio artístico e arqueolóxico, espoliado. Sexa como sexa, o misterio da Pena da Virxe continúa na tradición oral, e entre os feitos milagreiros e inexplicables o de que tanto no inverno como no verán no interior da pena, nun dos seus buratos, sempre mane e teña auga, para algúns, bendita, para outras, tan só auga da chuvia, cousas do noso pobo e as nosas vilas.

Ermida de San Silvestre

A Serra do Farelo, co cumio que lle da nome coma santo e seña, forma unha unidade coa do Faro mesma e podemos conformala como parte desta gran dorsal Galega. Está formada principalmente por rochedo granítico, que aflora sobre a superficie cuberta de toxos e xestas por doquier, alcanzando no pico do Farelo os 952 metros de altitude, sen esquecer na súa parte media que atravesa a estrada nacional pola súa parte más baixa, pola que se estende unha pequena chaira; precisamente na que se estende ao outra lado da cima do Marco, límite xeográfico coas terras da veciña Antas de Ulla, existiu en tempos unha ermida, da que non quedan restos salvo algunha que outra pedra, á que subían en romaría os veciños de Ventosa, nas festas da Virxe do Faro. Esta ermida, baixo a advocación de San Silvestre, foi trasladada a principios do pasado século ata a aldea do Monte, onde actualmente podemos atopala, practicamente tres quilómetros de distancia en liña recta, se fora posible subir ou baixar sen máis.

Posiblemente, estas formacións graníticas permitiron a aparición de covas e furados, así como nas rochas mesmos a formacións de impresionantes figuras e formas caprichosas, que deixan a súa interpretación as mentes máis imaxinativas e creadoras, auténtica "arte en pedra", e continúan do outro lado mesmo da serra, xa en terras das Trabancas e lindando coas de Borraxeiras, no lugar coñecido como O Coto dos Mouros. Na nosa terra e no noso país, na toponimia dos lugares, das aldeas, das chairas e montes atopamos agochado o que doutro xeito se nos transmite na tradición oral ou mesmo nos contos e lendas escritos que dende a longa noite dos tempos chega dun ou outro xeito ata nós, as máis das veces terxiversado, cando non manipulado interesadamente polos poderes fácticos, o medo ou a represión, que durante séculos foi practica usual da Igrexa, e as súas pólas máis representativas; a nobreza e o clero, tanto monta, monta tanto, no seu designio divino ou humano, de perdurar o poder establecido, e asegurar o seu dominio, coa forza física, e os temores ao pecado, e o lume dos avernos, onde os demos e diaños aplicarían con saña sobre os condenados eternos, as máis atroces torturas e tormentos.

Toponimia

Deste xeito as xentes do común, os servos da gleba, o pobo unicamente puido manter as vellas tradicións, puido conservar a admiración e as veces os cultos das vellas relixións e crenzas paganas, nos contos de vellas, e sobre todo na toponimia dos lugares. Nomes como a Tenza dos Mouros, a Cova da Meiga, o Souto da Moura, os Penedos dos Mouros, as Meigas de Fonfría e un longo etc. poñen de manifesto cómo o peso da cultura castrexa perdurou ao longo do tempo na memoria colectiva das xentes, a pesar da represión da Santa Inquisición, sobre todo a partir do Concilio de Trento e a división en dous da propia Santa Madre Iglesia Vaticana.

En Agolada temos varios exemplos desta memoria colectiva, nas lendas da Raíña Marcela, e a mina, cova que leva ata o interior dos lumes do inferno, nos seus dominios do Castro Marcelín, segundo conta a lenda, ou nos diferentes e abundantes restos en forma de mámoas, lamentablemente moitas delas violadas e estragadas pola voracidade e ignorancia das xentes na procura dos fabulosos tesouros dos mouros, que no seu interior permanecían soterrados, máis ben e unicamente na cobiza e fantasía dos pobos, e como non na toponimia, nos nomes dos lugares, das nosas parroquias e aldeas. Porto de Mouros, Pena das Medas, Coto dos Mouros, ou os de orixe castrexo, posiblemente dos pobos xermánicos como Astrar, Aián, Friúfe, Garlín, Santán, Merlín, etc. A toponimia como ciencia que estuda as orixes dos nomes, aporta unha inmensa cantidade de coñecementos sobre o noso pasado e a historia dos pobos, sen dubida que si.

Este lugar, próximo ao castro de Amarante, e Borraxeiros e da Ermida, e mesmo pola outra vertente ao do lugar de Trascastro, nas Trabancas, goza dunha vista absolutamente privilexiada, sobre o val das terras de Agolada, que chega ata o pé mesmo do Carrio, deixando de fronte a nós as cimas dos montes do Coteimil, o Castro Marcelín, a Pena Maior e a Pena Gundín, en tanto que por detrás vemos os lugares de Fonfría, Ludeiro, Cutián, xa en Antas de Ulla, terras da Ulloa. Alí mesmo atopamos un rochedo impoñente, furado no seu interior, e coñecido como A Pena do Coto dos Mouros, ao carón dunha laxe inmensa da que usaban os rapaces hai anos para lanzarse en carretilla feitas por eles mesmos, cara abaixo, ata aterrar sobre os toxos e xestas.

O agocho do Foucellas

No seu interior, hoxe bastante imposible de acceder e mesmo de observar polo efecto das malas herbas e xestas propias do monte, contan que tivo durante anos, unha das súas guaridas e refuxio seguro o fuxido Foucellas, sen que a Garda Civil fora quen de atopalo. Benigno Andrade García, que tal era o seu nome, naceu nas Foucellas, en Mesía (A Coruña) o 22 de outubro de 1908, e foi un importante e moi coñecido maquis, guerrilleiro resistente antifranquista durante anos despois de rematar a guerra Civil, ata a súa morte no mes de agosto do ano 1952. Resistiu durante máis de trece anos da vitoria fascista dos militares levantados en armas contra o lexítimo goberno da República.

A súa forma de actuar, sutil, rápida e sen deixar pegadas, valeulle a admiración dos veciños do interior do país, que recoñecían o seu valor, e loita polas liberdades, co que foi forxando lentamente a lenda do Foucellas, con admiración, respecto e tamén algo de medo, chegando a atribuírselle multitude de roubos e actuacións, moitas das cales foron máis que evidente froito da imaxinación popular que da realidade. Por unha ou outra razón, ao longo desta terra e os seus lugares máis agochados atopamos lendas e contos que nos falan do paso do Foucellas, tal e como ocorre nesta cova deste inmenso penedal do Coto dos Mouros.

Sen dúbida algunha un lugar privilexiado para ollar, tanto a serra do Faro Farelo, como a lontananza a do Candán, e dende logo os montes do Coteimil, o Castro Marcelín, a Pena Maior, e a Gundín, sen esquecer a do Val do Carrio, porque a vista a un e outro lado do Val das Trabancas, por un lado, e a Ulloa, polo outro, resulta absolutamente impresionante.

Compartir el artículo

stats