É quen de imprimir sabor e aroma ás palabras que escolle para os seus poemas. Logra dotalas de sonoridade e sentimento, seguramente porque en cada unha delas pon un pouco da súa propia esencia. O escritor Xosé Luna Sanmartín acaba de proclamarse, por segunda vez, gañador do Premio de Poesía Avelina Valladares. Faino na súa casa e cunha obra intimista, na que se mergulla na vida propia e na pegada que deixan moitos dos que por ela pasan ou pasaron. É un chanzo máis desa súa Estrada da vida, versos deses momentos que escapan como a area entre os dedos das mans.

-De novo o seu nome ligado ao Premio de Poesía Avelina Valladares. Como senta?

-No meu pobo e por segunda vez, é unha satisfacción, unha honra moi grande gañar o premio literario que leva o nome dunha muller adiantada ao seu tempo.

-Faino cun poemario intimista, elaborado dous anos atrás. Que foi o que o levou a mirar cara dentro?

-Ás veces na vida cómpre deterse e reflexionar, cavilar sobre o camiño andado e o camiño que estamos a percorrer. O resultado desa reflexión é O tempo entre as mans

-O que estamos vivindo é un ano difícil e que se presta a moitas e moi variadas reflexións íntimas. Engadiría agora un poema á obra gañadora? Sobre que versaría e como o titularía?

-Seguramente un poema que levaría por título "Esperanza" e que versaría sobre esa fiestra de luz que tanto precisamos aberta ao futuro...Como ten dito Neruda, poderán cortar todas as flores máis nunca poderán deter a primavera.

-É biógrafo de Avelina e Marcial Valladares e merecedor do premio que leva o nome da poetisa de Vilancosta por partida dobre. Como foi esa muller para moitos descoñecida?

-Avelina Valladares contribuiu coa súa obra poética en galego a construir o noso país. Ela foi unha muller loitadora, unha das protagonistas do noso rexurdimento.

-A poesía, conseguiu librarse desa sombra que a debuxa ás veces como a irmá pequena da narrativa?

-A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra. E nese senso sei que vivo nun pobo onde a xente consume poesía, le poesía, ama a poesía e, polo tanto, non creo que sexa a irmá pequena.

-En que cre que pode contribuir o Premio Avelina Valladares a este eido literario?

-O Premio Avelina Valladares leva 24 anos contribuíndo a desenvolvelo. Por un lado, dalle posibilidades a novos creadores e permite seguir publicando a xente que xa temos algo publicado. Os versos chegan a toda Galicia e difunde a figura de Avelina Valladares. Para min é un dos mellores premios galegos, sen dúbida.

-Canto hai de Xosé Luna Sanmartín nestes poemas? É unha biografía en verso?

-Hai moitísimo de Xosé Luna aí. Hai todo. Pero non se pode considerar unha autobiografía porque en O tempo entre as mans hai outras moitas vidas reflectidas que, dun xeito ou doutro, marcaron a miña existencia.

--En xuño presentou unha reedición de A Estrada Románica

-Agora estou cun par de prólogos que teño que entregar, un deles de poesía. Estou preparando un libriño, un poemario, para todas as idades pero especialmente para os pereiriños que vai un pouquiño sobre este camiño, pero para nenos.