Falar con Xosé Luna Sanmartín onte era falar cun home emocionado. Por segunda vez na historia do Premio de Poesía Avelina Valladares o seu nome asinou o poemario que escolleu o xurado encargado de fallar o galardón literario co que A Estrada louva a memoria da poetisa de Vilancosta. Lidos os orixinais presentados, a equipa integrada por Gumersindo Villamayor Martínez, Rosalía Morán Vieites, Ernesto David Otero Fernández, Dolores Araújo Arias e Esteban Folgar Brea, elixiu a peza presentada baixa o lema O tempo entre as mans, que neste caso coincide co título da obra. Unha vez aberta a plica, quedou ao descuberto a autoría, a cargo dun estradense que se converte no primeiro escritor en gañar dúas veces este galardón literario.

O xurado destacou que se trata dun poemario que foi premiado pola súa coherencia, o emprego dun léxico rico, variado e moi ben escollido. "Recupera palabras pouco habituais, seleccionadas pola súa sonoridade e connotacións", recolle a acta, na que tamén se explica que a peza fai referencia a diferentes lugares da contorna estradense e dos territorios máis cercanos. "Moitos dos seus poemas teñen unha forte carga emotiva e sentimental, adicados a figuras cercanas como a nai ou a pequenos momentos que marcan fitos importantes na vida da voz poética", sinalou tamén o xurado.

"En lugar de saltar de alegría, quedei en shock", confesou Luna Sanmartín. Declarouse "moi emocionado" por todo o que este premio significa para el. O autor gañou o Avelina Valladares en 2003 con Memorias do Cairo e é biógrafo dos irmáns Avelina e Marcial Valladares. "En poesía, é o premio máis grande que ten Galicia", considerou. Explicou tamén o gañador desta edición que O tempo entre as mans ten dous anos de existencia. Sinala que se trata dun poemario "moi traballado, moi sentido e moi pulido", que resultou estar feito para recibir este recoñecemento na súa "Estrada da vida".

"É un poemario moi intimista que fala do mellor que temos os seres humanos: a vida", sinala. Xorde a peza dun tempo de reflexión cando o seu creador acada os 50 anos e para a reflexionar sobre a súa propia existencia e a existencia humana. "O mellor da vida é vivilo, aínda que todos temos pasaxes que son tremendamente duros; xente que non está e que vive nos nosos corazóns", indica. Nestas páxinas haberá un paseo dende o Barrio de Bedelle á praia das Sinas, pasando por moitos outros lugares, todos eles debuxados dende o sentimento.

"Chega un momento na vida que un para e reflexiona. Nesas décimas de segundo pasan esas sensacións da infancia, sabores, cheiros, xente que xa non está, que se foi perdendo no camiño pero que segue estando no corazón..." , di Luna Sanmartín.O escritor e profesor estradense indica que á hora de escribir o poemario traballou cun verso de Neruda: Podrás cortar todas las flores. pero no parar la primavera, que aínda cobra maior senso nun momento como o actual.

O Premio Avelina Valladares adoita entregarse no marco da Festa da Poesía, na recta final do ano. As condicións da situación sanitaria determinarán o formato do acto nesta edición.