"Raro é o rincón de Galicia onde non haxa unha persoa que non saiba levantar a espiñela e a paletilla". Esta afirmación do político, etnógrafo e doutor Víctor Lis Quibén (Bos Aires, 1893 - Pontevedra, 1963) xa foi perdendo forza co paso dos anos. Agora cada vez son menos as persoas que saben exercer ese saber tradicional, en moitos casos herdado dos seus antepasados. O ritualismo que levan consigo estes procedementos curativos foi pasando, pouco a pouco, ao esquecemento entre a xente máis nova. Antigamente, tal como recolle o doutor no seu libro sobre a medicina popular en Galicia (1949), esta era unha práctica moi recorrida e sobradamente coñecida: "a xente afectada pola caída da espiñela, da paletilla, do calleiro, ou das asaduras, concorría á casa dos curandeiros e levantadores para someterse ás súas prácticas e procedementos, co san e decidido propósito de que lles levanten e leven aos seu sitio non só aqueles ósos que, segundo eles, están desprazados do mesmo, senón tamén a determinadas vísceras abdominais que non ocupan no organismo o lugar que Deus lles sinalou".

A xente denomina como espiñela o óso situado na boca do estómago, e supoñen que goza dunha certa mobilidade. O mesmo acontece coa paletilla, nome que fai referencia ao óso que, situado entre os ombreiros, tamén desfruta da mesma condición que a espiñela de mudar de sitio. O calleiro fai referencia á caída do estómago; mentres que as asaduras o fan respecto da caída do intestino e demais vísceras abdominais.

A xuízo do doutor Lis Quibén, a orixe destes nomes podería ser a seguinte:

Espiñela: talvez derivado da palabra espiña, punta, pola forma especial do apéndice xifoides.

Paletilla: de pa, pola configuración da omóplata.

Calleiro: de callos, nome vulgar co que se coñece o estómago.

Asaduras: provería da expresión castelá de entrañas, do que se atopa dentro do ventre.

As causas que provocan estes males son realizar un esforzo violento, o tusir con insistencia, comer e beber con exceso, ou inxerir alimentos moi húmidos. A sintomatoloxía que presentan é a dor de estómago na espiñela; a de costas na paletilla; un vulto coma un ovo debaixo do embigo, no calleiro; e dores nos riles, nas asaduras. Ademais destas dores específicas, estas catro patoloxías teñen en común o que o doente teña unha cor pálida, olleiras, debilidade, cansazo de brazos e pernas, abatemento, decaemento do corpo e do ánimo, perda do bo humor, falta de respiración, dor de cabeza.

A curación destes males leva consigo un tratamento artellado arredor dunha dobre práctica: física (erguer os brazos, estirar as pernas...); e non física, co recitado de ensalmos e oracións que, normalmente, xiran en torno ao Nosopai, a Avemaría, o Gloria e o Credo. A finalidade destes ensalmos e oracións é a de deter o curso da doenza ou do mal, e provocar o seu retroceso. Neles reflíctese a fe na forza da palabra e a confianza na eficacia da súa autoridade ritual.

Un papel fundamental adquíreno os curandeiros e menciñeiros, persoas especializadas na práctica da curación ou do esconxuro do mal e das doenzas. Nalgúns casos non é necesario recorrer a un especialista na medicina popular, pero si se considera que a persoa que vai facer o rito de curación ou protector ten que reunir unhas características concretas. De feito, no dicionario da RAG, un curandeiro é unha persoa que se dedica a curar sen ser médico nin ter coñecementos científicos de medicina. Estes coñecementos que posúe soen ser herdados por xeración.

Neste proceso de curación xogan un papel importante os números. Sobre a súa simboloxía poderíase falar largo e tendido, pero aquí centrarémola ao que nos atinxe. Con frecuencia, para que os rituais de curación sexan eficaces, hai que repetilos un número impar de veces, normalmente 3, 7 ou 9. Estes números non son casuais. Teñen unha carga simbólica importante. O 3 é o número da perfección, da Santísima Trindade no Cristianismo. O 7 representa a totalidade, mantendo connotacións bíblicas (os 7 sacramentos, as 7 obras de misericordia corporais e outras 7 espirituais...). O 9 é 3 veces 3; simboliza a perfección, a consumación e a realización.

Ademais destes rituais físicos e non físicos, ao doente quédanlle unhas prescricións encomendadas: beber uns sorbos de auga, oír unha misa, non traballar despois do ritual (período que comprende de 1 a 15 días), mollar as mans, subir e baixar escaleiras...

O doutor Lis Quibén analiza con profundidade estes trastornos no libro xa citado La medicina popular en Galicia. Agolada e Lalín aparecen referidos en numerosas ocasións, entre outros moitos lugares nos que realizou o seu traballo de campo ou sobre os que se documentou (Cotobade, Chantada, Pontevedra, Moraña, Meaño, Salcedo, Coaledro, Arzúa, Boiro, Vilaboa, O Barco de Valdeorras, Forcarei, Porto do Son, Beariz, Ponte Caldelas, Padrenda, Campo Lameiro, Carballo ou Mondoñedo).

Nós recompilaremos as prácticas que, sobre estas doenzas e o seu proceso de curación, recolleu na Comarca de Deza.

No diagnóstico da caída da espiñela, paletilla, calleiro e asaduras:

1.- En Agolada din que se a espiñela cae con ganas de comer, "ten fame", e aínda que coma queda con cansazo; e se cae "farto", aínda que non coma nunca "ten gañas de comer". Polo xeral, recorren a outros procedementos (...). Dito procedemento consiste en deitar no chan nun sitio plano, ou sentar nunha cadeira, ao doente, tendo coidado de que os pés estean espidos e ben xuntos; unha veces, o curandeiro mándalle que poña os brazos en extensión, cara adiante, aplicando a palma dunha man sobre a outra para ver se coinciden as puntas dos dedos, e, outras, empúrralle, primeiramente, os ombreiros cara abaixo e, a continuación, ordénalle elevar os brazos todo o posible, por enriba de cabeza, e que, ao igual ca no caso anterior, aplique unha palma dunha man sobre a outra para ver tamén se coinciden as puntas dos dedos.

Nestes movementos, o curandeiro non toca ao enfermo nos brazos, nin nos pulsos para nada e, unicamente nun caso, empúrralle os ombreiros cara abaixo. Na maioría das veces, colócase ás costas do doente, e unha vez que lle manda mover os brazos coma se estivesen mortos, cólleo polos pulsos e outras polos dedos polgares, e despois de imprimirlle un movemento de rotación cara abaixo e cara adiante, tira fortemente por eles cara arriba e por encima da cabeza para ver se coinciden, unha veces, todos os dedos e, outras, as puntas dos polgares ou índices, e se isto non sucede, entón é sinal de que ten a espiñela caída, pero cando comprobado este extremo, se o doente se queixa de dor de estómago, entón é sinal de que tamén ten caída a paletilla, e se a diferencia entre as puntas dos dedos é a do longo dunha falanxe, entón tamén ten "decaído" o calleiro e as asadura, como igualmente cando presenta coma un ovo pequeno debaixo do embigo.

Remedio para a caída da espiñela:

1.- Na Agolada tenden ao enfermo no chan, iguálanlle canto poden as pernas e os brazos, fanlle elevar estes todo o posible por enriba da cabeza e recitan ao mesmo tempo esta fórmula:

-(Nome e apelidos do doente) ten a Espiñela caída,

-que se vaia ao fondo do mar,

-onde non sinta galos cantar,

-nin campás tocar.

-Con el poder de Dios

-y de la Virgen María,

-un Padre Nuestro

-y un Ave María.

Ao remate, igualan novamente as pernas e os brazos do enfermo e fallos volver elevar por encima da cabeza todo o que poida.

2.- Tamén na Agolada, ordénanlle ao doente que cruce os brazos sobre o peito, de modo que queden as mans metidas nos sobacos; entón, o curandeiro apoia un dos seus xeonllos sobre as costas e estíralle os dedos das dúas mans, un por un, e empezando polo maimiño. Despois, cámbianlle a postura, de modo que queden por enriba dos brazos, estando igualmente cruzados sobre o peito, e repiten a anterior operación de estirarlle os dedos na mesma forma. A continuación, traccionan as mans do enfermo, ao mesmo tempo que fan forza co xeonllo sobre as súas costas; despois, mándanlle apoiar as mans sobre a cara e érgueno en peso, collendo pola cabeza e facendo forza contra o seu peito, para o que colocan estre este e as costas do doente, un paquete feito cunha chaqueta ou un pantalón.

3.- Na mesma localidade, recollemos outra variante, na que cruzan ao enfermo tres veces os seus brazos sobre o peito e tíranlle dos dedos; pero empezando polo polgar, e despois repiten a operación cambiando a postura dos brazos, no sentido de poñer por enriba o que estaba por debaixo e viceversa. De seguido, tíranlle polos pés para que queden iguais, e poñendo entre as súas costas e o peito do curandeiro un vulto de roupa, apertan ao doente sobre si.

Remedio para a caídada paletilla:

1.- Na Agolada cren que esta enfermidade son tres vultos que caen dende a articulación do cóbado ata o pulso.

2.- En Lalín, sentan ao doente no chan e colócanlle nas costas unha almofada e despois imprímenlle movementos de flexión e extensión de pernas, tronco e brazos, ata que a paletilla volve ao seu sitio, comprobándoo mandando ao enfermo estender os brazos cara adiante para ver si coinciden os dedos.

3.- Na Agolada, manchan os pulsos do enfermo con aceite e fan friccións tres veces cara arriba, ata que volva ao seu sitio, durante tres días seguidos.

Remedio simultáneo para a espiñela e paletilla caídas:

1.- Na Agolada tenden ao enfermo no chan, procurando que iguale as pernas e os brazos todo o posible e despois de elevarllos por enriba da cabeza, din as seguintes palabras:

Palomas que vuelven al palomar,

la espiñela e la paletilla de (nome e apelidos do enfermo)

que vuelvan a su lugar.

De seguido, aplícanlle unha ventosa na boca do estómago. Este tratamento é do máis completo, pois ademais das consabidas manipulacións, din certas palabras e recorren ao emprego dunha ventosa.

2.- En Lalín empregan un tratamento curiosísimo: envían unha persoa da familia do enfermo a consultar co curandeiro, e este recita sete veces, diante daquela, as seguintes palabras:

Paletilla, espalda, espiñela de (dise o nome e apelidos do enfermo)

vólvase o seu lugar,

así com'as augas do río

se xuntan c'as do mar.

Un Padre Nuestro

e-unha Ave María,

a Dios, e-a Virgen María

3.- En Agolada recítanlle ao enfermo este ensalmo:

Santa Teresa pidió a la Virgen, la Virgen pidió a San Juan y Santa Ana.

Despois pronuncian o nome e apelidos do doente e continúan recitando:

Le vuelva la paletilla e la espiñela o seu lugar,

como as ondas o mar,

e-o cura no altar.

Con gracia de Dios

e da Virxen María,

un Padre Nuestro

e-un Ave María.

Remedio para a espiñela, paletilla e as asaduras caídas:

1.- De novo en terras de Agolada, sentan ao enfermo nunha cadeira e a curandeira pronuncia estas palabras:

Corren las aguas del Señor para el amor;

corren las palomitas

para su palomar.

Esto es tan cierto,

como el cura y sacristán

dan vueltas en el altar.

Erguete paletilla, espiñela y asaduras

de (dise o nome e apelidos do enfermo)

Con la gracia de Dios

y de la Virgen María,

un Padre Nuestro

máis un Ave María.

Ao rematar, danlle a beber unha pouca auga e recoméndanlle que non traballe e estea quedo ata o día seguinte. Este tratamento parece ser incompleto, pois faltan as manipulacións dos brazos e pernas, e boa proba de iso é que lle dan a beber ao doente unha pouca auga, cousa que, polo regular, fan para apagar a sede que lle producen os esforzos as que foi sometido.

Como remate, cómpre traer aquí unhas palabras de Rafael Quintía (do seu libro "Vade retro". Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega): "Algúns pensarán que todas estas prácticas e crenzas -hoxe moitas delas en perigo de desaparición- son cousas do pasado, as mal chamadas supersticións, crenzas contrarias á razón e, como tal, infundadas. Restos dun pensamento mítico que hoxe non teñen cabida nin valor.

Nada máis lonxe da realidade. O valor antropolóxico que posúen estas crenzas e prácticas é evidente, pois elas reflicten o que foi a nosa forma de ver, ordenar e estar no mundo durante centos de anos. Coñecelas e estudalas é saber de onde vimos, algo fundamental se queremos saber a onde imos".