Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

AMANCIO FERNÁNDEZ E MARÍA PANDEIROS | Seitureiros de centeo

"O peor era levantarse mollados polo orballo da noite e ter que traballar así"

O matrimonio, oriundo de Rodeiro, percorreu o norte ourensán segando cereal a man

Amancio Fernández e María Pandeiros cunha veciña, á esquerda, tamén segadora. // Bernabé/Ana Agra

"Castellanos de Castilla,tratad bien a los gallegos; cuando van, van como rosas; cuando vuelven como negros". Este fragmento dun dos poemas de Rosalía de Castro recolle o labor duro dos segadores que ían a estas terras. Amancio Fernández e María Panadeiros, de Rodeiro, non chegaron a esas latitudes, mais si que recoñecen que foi un traballo duro de levar.

-Como comezaron a súa andaina como seitureiros?

-Amancio: Eu empecei cando a coñecín a ela, facíamos un percorrido por varios sitios de Ourense, porque había que traballar.

María: Eu empecei de moza e en Monforte, que quedei encantada de alí, logo xa ía con Amancio entón iamos cara a zona de Amoeiro, Oseira e todo por Ourense.

-E para chegar aos sitios como facían?

-Amancio: Iamos ata A Corna, andando, no límite entre Dozón e Ourense. Logo alí colliamos o Castromil ata Ourense e transporte ata o punto onde iamos traballar.

-Como era a vida de segadores?

-María: Pois pasabamos alí entre 15 e 20 días, durmiamos en palleiras sen nada e lavabámonos se podiamos e se non, estabamos así todo o período. O peor era o orballo das noites e durmir no chan, foron épocas moi duras. Ademais, eran xornadas de calor polo día; notábase que eramos novos, agora non o aturaríamos. Logo para almorzar dábannos unha copa de augardente con pan ou unhas cereixas; ao mediodía algúns moi ben e outros poñíannos o touciño que ninguén quere comer. Todo funcionaba a través do Mayoral, que era o que facía as cuadrillas, formadas por catro homes e dúas mulleres, e era o que nos decía a ónde tiñamos que ir.

-A parte disto, que máis facían?

-María: O resto do ano traballabamos na casa, co millo, tamén segando o centeo da casa e incluso para algúns veciños. Ata que chegou a emigración e marchamos para Suíza.

-Hai algunha anédota que recorden destas épocas?

-María: Pois falando das comidas, acórdome que un da cuadrilla na que estabamos se enfrentou ao da casa e díxolle que ou nos cambiaba o que nos daban, que era comida para cas, ou marchabamos. Ao día seguinte matou un cabrito e púxonolo na mesa. Imaxina como eran de difíciles esas épocas. Eu se penso na época de Franco só vexo miseria, logo xa cando se puido emigrar esto cambiou moito.

-Canto cobraban por facer estos traballos e que facían?

-María: Teño o recordo de cinco pesos cada un. As mulleres iamos para atar e os homes para segar.

-Amancio: As mulleres facían un traballo duro, ao igual que os homes. O peor era cando saiamos mollados ata a cabeza porque pillabamos o orballo e era moi difícil.

-En que momento decidiron emigrar?

-María: Había que buscarse a vida así que tocou facer as maletas para buscar opcións mellores. Foi polos anos 70, cando emigrou todo o mundo.

-Como foi pasar de segar nas aldeas a unha cidade?

-María: Marabilloso. Traballabamos nun hotel e xa tiñamos un fillo, que quedara aquí e nos ía visitar. Botamos uns cinco anos e eu non quería marchar, pero el si, así que tocoume ceder e vir. Ademais, despois xa tiñamos á outra filla, así que decidimos volver para non telos separados. Ou nos separabamos el e eu (risas), ou vir vivir a aquí na aldea, pero arrepentireime sempre de volver.

-Amancio: Eu quería esto, vivir na miña aldea e ter as miñas vacas, non me adaptaba a aquela vida, non era moi feliz alá.

-Actualmente teñen a gandeiría O Rato, iniciárona vostedes?

-Amancio: Si, empezamos cunhas vacas cando voltamos de Suíza, porque parado non podía estar, ademais de que esto do rural era o meu e agora pois pasou xa para a seguinte xeración.

Compartir el artículo

stats