Cantos tradicionais, melodías de gaitas, o son das ferreñas e moitas gañas de festa. Estes foron algúns dos argumentos que os grupos participantes no Serán das Letras Galegas ofreceron aos lalinenses que se achegaron onte á Praza da Igrexa para presenciar un espectáculo incluído dentro da programación cultural do concello. Malia que este evento cadra co gallo da festividade da língua galega, o 17 de maio, a crise sanitaria forzou un cambio de data.

A celebración arrancou sobre as 18.30 horas neste céntrico espazo público coas normas preventivas establecidas para eventos que suponan concentración de persoas. Presentado polo poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín, no cartel había dúas formacións de gaitas e tres grupos de pandereteiras. Polo escenario pasaron O Carballo da Manteiga, formación de gaitas e percusión, e os coñecidos Dezas de Moneixas. A música vocal de raíz correu a cargo das agrupacións de pandereteiras Ailola (Lalín), Ponte da Prata (Botos) e A Carballeira de Cercio.

Nesta cuarta edición, o premio Pandeira de Honra foi para a lalinense Marta Mouriño, que conta cunha longa traxectoria como cantante e percusionista e, tamén, como investigadora da música e a tradición oral na bisbarra.