Lalín prepárase para unha fin de semana cinematográfica. Hoxe pola noite haberá cine de verán na Praza de Galicia e sábado e domingo, autocine no párquin de Pontiñas Centro Comercial e de Ocio Gadis. Finde Cine enmárcase no programa Aquelar, de prevención e concienciación contra condutas aditivas e de promoción dun uso responsable das novas tecnoloxías e das redes sociais dirixido á mocidade. As entradas son gratuitas ata completar aforo e os asistentes deberán levar máscara na sesión de hoxe e gardar o distanciamento social, tal como indica a concelleira de Sanidade e Educación, Eva Montoto.

Hoxe, a partir das 22:30 horas, na Praza de Galicia, poderá verse Nerve en formato de cine de verán, pensado para que o público asistente acuda ao lugar cunha mantiña para sentar no chan. A película, que vai dirixida a un público preferentemente xuvenil -está indicada para maiores de 16 anos-, proxectarase sobre unha pantalla xigante de 120 metros cadrados. O recinto abrirase unha hora antes para que as persoas vaian chegando de xeito paulatino e poidan ir colocando as súa manta de acordo ás indicacións que se lles dean por parte do persoal municipal que controlará o dispositivo de acceso e de acordo ás regras de distanciamento social. Haberá coctelería gratuíta sen alcohol para o público. Desde o Concello anímase á participación en grupos de amigos ou familias, dado que a previsión de temperatura para esta noite é boa.

Autocine

As sesións de mañá e pasado serán en formato de autocine, isto é, verase o cine desde os coches -aparcados na explanada do C.C. Pontiñas- na pantalla de grandes dimensións. As proxeccións terán lugar tamén a partir das 22:30 horas: La vida es bella o sábado e Ha nacido una estrella o domingo.

Haberá un acceso único para o autocine pola Avenida Xosé Cuiña, pois o resto de accesos permanecerán abertos para uso exclusivo dos clientes habituais do centro comercial. Abrirase unha hora antes para facilitar o acceso dos coches á explanada de xeito paulatino. Serviranse cafés autoquentables ata fin de existencias. O audio entrará pola radio do automóbil de xeito, previa indicación ese mesmo día da emisora que deberán sintonizar.