A Fundación Xosé Neira Vilas, co apoio do Concello de Vila de Cruces, vén de convocar a quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, dirixida a obras inéditas escritas en lingua galega e destinadas a un público infantil e xuvenil. O obxectivo deste certame é múltiple: estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega, así como proporcionar obras de calidade ao público infantil e xuvenil que lles permitan achegarse ao engaiolante mundo da novela.

Os traballos, cunha extensión de entre 50 e 150 páxinas, deberán presentarse en tripla copia e de xeito anónimo na sede da fundación en Gres. O prazo de recepción de orixinais remata o 9 de outubro deste ano e o galardón será entregado o 3 de novembro nun acto público coincidindo co Día de Neira Vilas, no que se conmemora o aniversario do nacemento do autor de Memorias dun neno labrego.

O premio está dotado con 1000 euros, suxeitos á retención fiscal correspondente, e a publicación do traballo seleccionado. O xurado resérvase a posibilidade de declarar deserto o certame e o seu ditame será inapelable. As bases completas están dispoñibles no enderezo web: http://neiravilas.gal/index.php/gl/.

Palmarés

Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez, foi a novela galardoada na primeira edición, unha historia protagonizada por adolescentes que viven experiencias que cambiarán as súas vidas. Na segunda, o premio recaeu en An Alfaya por O home de negro, unha sorprendente proposta metaliteraria e autorreflexiva coa que experimentar unha lectura altamente suxestiva. O xornalista da TVG Pedro Rielo gañou con Detrás dos perdidos, un relato no que descubrir que a aventura e o misterio poden atoparse alí onde menos o agardamos. A última obra galardoada foi Esca, de Antonio Piñeiro, un relato que evoluciona en espiral creando unha atmósfera e un clima de tensión narrativa, que destaca tamén pola súa ambición estética, prosa lírica e riqueza léxica. Os catro libros premiados están a disposición do público en Edicións Embora.