Dende hai anos albergo a sospeita, fundada nas pescudas que levei adiante nos libros de fábrica e arquivos da diócese de Lugo e histórico de Santiago, de que os nosos cruceiros de Vilanova de Borraxeiros, Marcelín e Santa Comba sairon da mesma man dun mestre canteiro, que, ben era oriundo da zona, ben entre 1800 e 1860 traballou polas nosas terras e as veciñas da Ulloa, onde nos deixou os cruceiros do Mato (Palas de Rei) e Alvidrón e Frádegas (Antas de Ulla), sen esquecer o que temos en Couso, que, aínda que diferente, presenta similitudes na súa fábrica que fan pensar que estamos diante dun cruceiro reciclado, no que a actual cruz debeu ser feita e colocada con posterioridade, posiblemente, ante a desaparición da talla orixinal. Poucos destes canteiros, coñecidos como santeiros polo seu traballo de esculpir en pedra imaxes relixiosas, traballaban na súa terra; polo xeral, marchaban da súa casa na Pascua e non volvían ata o Nadal, viaxando de vila en vila, quedando durante meses onde atopaban traballo, repetindo moitas veces obras, tallas e características unha e outra vez.

Por elo, non resulta despreciable a posibilidade de que a fábrica destes seis cruceiros fora realizada pola mesma cuadrilla de canteiros itinerantes, que colleron sona e viaxaron pola Ulloa e Agolada, chamados pola xente que ía admirando as súas obras. Ssorprende a pouca importancia que se lles daba, xa que moi raramente son citados nestes libros das parroquias ou das confrarías, onde se anotaban polo miúdo todos os pagos, gastos e ingresos. A maioría destes cruceiros foron pagados pola fábrica das parroquias ou polas confrarías, noutros casos foron as coñecidas como "devocións", en pago de favores divinos ou promesas de devotos.

Estas seis obras manteñen similitudes que nos fan pensar que saíron da mesma man: Cristo crucificado torpemente esculpido e carente de detalles anatómicos, practicamente inapreciable a coroa de espiñas, sempre o pé dereito sobre o esquerdo e ollos pechados. A Virxe é unha Dolorosa tocada cun manto rudimentariamente tallado, por debaixo sobresaen os pés e o corazón atravesado por sete espadas. Fuste: Rematado nunha bola dividida en dous hemisferios, con estrías simétricas, posiblemente a característica máis significativa destas obrsa, xa que hai diferencias moi marcadas con outros rematados nunha esfera: O de Mourelos (O Saviñao) ou os da provincia de Pontevedra, como Momelle, Santo André de Meirol e San Mamede (Mondariz), os de Bos Aires de Salvaterra do Miño ou o de Codesás, que presenta capital poligonal case que esférico. En Palas de Rei, dos 38 catalogados, unicamente o de O Mato presenta esta esfera; ningún dos 31 de Monterroso; dos 34 de Antas de Ulla, os mencionados de Frádegas, Alvidrón e o do via crucis de Santas Mariñas de Castro de Amarante;e dos 57 coñecidos en Agolada, tan so os tres deste artigo.

O Cruceiro de Santa Comba érguese sobre dous chanzos cadrados nos que foi colocado unha base cúbica na que se representa esculpida unha serpe enroscada a modo e alusión ao pecado e o demo. O fuste octogonal iníciase sobre un soporte rectangular, en tanto que na metade atopamos un escudo labrado en pedra no que se pode ler a explicación á súa fábrica. Susténtase sobre unha esfera estriada, na que se levanta a cruz de sección rectangular cun Cristo por diante co seu característico INRI, que chama a atención polo seu aspecto tosco, pouco labrado, coa cabeza inclinada sobre o seu lado dereito, as mans abertas e o pé dereito enriba do outro e cravado á cruz, pouco proporcionado o corpo respecto ao resto dos membros, pernas e brazos. No outro lado destaca unha Virxe tocada cun manto coas mans cruzadas sobre o peito e o corazón típico das dolorosas, esculpida dunha forma moi sinxela. Anteriormente atopábase nunha leira de propiedade da reitoral e en 1985 foi trasladado ao seu emprazamento actual no cemiterio e adro da igrexa, tal e como recolleron Manuel Reimóndez e Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez. Polo tanto, trátase dun cruceiro de encrucillada, coa marca xubilar, porque o ano da súa talla o foi. Non é aventurado supoñer que os traballos xa se iniciaran no 1850, precisamente por tratarse dun ano xubilar, tal e se pode ler na inscrición que atopamos no mesmo: Dn.Ramon Lamela cura párroco de Sta Comba hago esta obra ano de 1851", dato que corroboramos no Arquivo Diocesano de Lugo, onde comprobamos que Ramón Lamela foi o cura de Santa Comba naqueles anos.

As tallas do Cruceiro de Vilanova de Borraxeiros álzanse dende un varal asentado en peana de pedra cuadrangular na que se intúen restos dalgún gravado, ilexible. É de sección hexagonal e na parte superior tórnase circular, para dar paso a un capitel que configura unha forma de esfera truncada polos extremos cunha moldura central que a divide en dúas metades. Vai adornada con gravuras de estrías, sendo as superiores de forma helicoidal. O Cristo crucificado, sen Inri, sobre unha cruz algo máis pequena, que tapa case na súa totalidade con cabeza de frente e ollos pechados, non se aprecia a coroa de espiñas e a súa cara é alongada. Nas mans, toscamente esculpidas, non se aprecian os dedos da dereita, nin nos pés. Cubre a cintura cunha faldiña perfectamente marcada formando os pregues; carece de detalles morfolóxicos do peito e corpo. A bola da que sae a cruz ten debuxos diferentes dos outros cruceiros, con reborde esculpido arriba, abaixo e no medio da esfera. As estrías na súa parte superior son diferentes ás da parte media de abaixo, máis realzadas. Na Dolorosa, moi deteriorada, as mans cruzadas repousan sobre o regazo e tapa a cabeza co manto, con pregues na talla. Non se distinguen as espadas no corazón, pero si éste esculpido como unha protuberancia redondeada. Cruceiro de encrucillada que marcaría o camiño á igrexa románica de Borraxeiros dende Eidián.

O Cruceiro de Marcelín álzase no interior do cemiterio deste lugar de Agolada, trasladado alí na década de 1970 nun tractor dende as proximidades da igrexa de orixe románica de Merlín, seguindo instrucións do párroco José Vilameá Calviño e non sen a oposición de parte dos veciños. O cura pensaba que onde estaba podía ser roubado, igual que o da entrada da aldea ou outros dos arredores. A primeira sepultura data de 1979 e sabemos que en 1975 aínda estaba no seu lugar primixenio de Merlín, polo que foi trasladado entre 1976 e 1978. Coma en Santa Comba, destaca a cabeza inclinada do Cristo sobre o lado dereito, co Inri rematando a cruz que mantén a perna dereita sobre a esquerda, sen que cheguen a distinguirse os dedos do pé dereito. Cubre a cintura cun pequeno lenzo no que non se distinguen as estrías. Ollos pechados e sen detalles morfolóxicos do peito, costelas ou mamelas. A maior diferencia cos outros radica na bola sobre a que se erguen as tallas, máis estilizada en forma achatada con estrías e realces na metade, arriba e abaixo con idéntico debuxo de raias. A cruz non sae da bola, senón que se aprecia un anaco dende a esfera ao Cristo. A Virxe, cos ollos pechados, está menos perfeccionada ca de Santa Comba e non ten os puñais no corazón; os pés saen por debaixo do manto, pero non hai tarima na que se apoie. O manto, tamén marcado por estrías e máis traballado, cubre igualmente a súa cabeza.

Moita información sobre a historia destes cruceiros permanece agochada nos libros de fábrica, periodicamente revisados por un visitador designado polo bispado, deixando constancia escrita de deficiencias e outras indicacións. Tal como indica o investigador Francisco Xavier Louzao-Martínez, no seu artigo Aproximación ós Cruceiros do Concello de Antas de Ulla: "Resulta curioso como, a pesar das ordes plasmadas (...) non se levará a cabo tal cumprimento e nos libros parroquiais nunca se recolle a través dos visitadores ningunha noticia ó respecto. Os cruceiros non se mencionan".

Concluimos que estes seis cruceiros saíron da man dun santeiro da primeira metade do século XIX, entre 1810 e 1860. A nosa teoría é que o de O Mato foi o traballo que inicia a serie, posiblemente, pola proximidade do Camiño Francés, en torno a 1800/10. O encargo de Alvidrón puido vir arredor do 1825 e o de Frádegas, do 1836. Alí ían as xentes de Borraxeiros ás augas minerais, polo que ben puideron ollar o cruceiro e, froito delo, xurdir a demanda, arredor do 1840, do que sería o de Vilanova. Finalmente chegaron os de Santa Comba e Marcelín; curiosamente, Ramón Lamela fusionaría os libros de fábrica por mandato do bispo de Lugo a partir de 1863, aínda que xa fora nomeado párroco de Merlín o 17 de xaneiro do 1823.