Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Inspiración entre catro paredes

O escritor Xosé Carlos Carracedo acada as 10.000 visitas en Facebook coas súas vivencias diarias no estado de alarma

Carlos Carracedo, escribindo baixo a mirada da súa parella.

Para Xosé Carlos Carracedo, escribir é tan bo exercicio como correr, aínda que un sexa mental e o outro físico. Primeiro fundou a revista electrónica Cicloxénese expresiva xunto a Belén Quinteiro e Yasmina Casal. Despois viría unha canle en Youtube para comentar libros, a participación en Cruces Arte e o libro de relatos Somos de Arxerís, que está xa na súa segunda edición. Hai, tamén, unha novela sobre a infancia, en proceso de revisión.

Pero coa declaración do estado de alarma, Carracedo tivo que deixar de sair correr e de usar a bicicleta. Así que botou man do exercicio mental, e decidiu colgar nas redes sociais, cada día, un pequeno relato do seu confinamento. "A idea era establecer unha rutina, e de paso coller o encerro como unha oportunidade para escribir, para facer unha obra literaria".

Dende o 15 de marzo e ata a semana pasada, cada día había un pequeno relato nos seus perfís de Instagram e Facebook, así como no seu estado de whats app. Agora, pode colgar dous ou tres relatos por semana, como metáfora desa desescalada e da volta á normalidade. Como di el en plan metafórico, "ao caderno estánselle acabando as follas". Pero tanto ten que haxa un relato ao día ou cada tres: comezou con 500 visitas, despois pasou a 1.000 e xa nunca volveu baixar das 2.000, ata chegar a un pico de 10.000 no Facebook. "Moita xente compartiu un relato no que falaba de miña aboa paterna", que todos os días, ás oito da noite, sae a tocar a pandereta dende a súa vivenda en Santiago. Foi o pistoletazo de saída.

Alba, a parella de Carracedo, é outra dos protagonistas de cada relato diario. Compartían piso xa antes do confinamento, pero as obrigas laborais dos dous deixáballes pouco tempo para compartiren vida. Así que co estado de alarma tamén se marcaron rutinas, como facer a comida xuntos ou organizar unha cita cada sábado. "Na primeira cita, Alba puxo un vestido de flores, era como se me trouxese a natureza, os paxaros, a posta de sol ou esa primavera que tivemos que pasar pechados. Era como ter a primavera dentro", explica.

Ese vestido de flores sae mencionado en diversos relatos, ao igual que a infancia do propio Carracedo. "Son moi soñador e creo que todos temos na infancia ese momento de que todo é posible, mentre sque na vellez pensas máis ónde estás".

Os relatos tomaban forma sobre as sete da tarde, despois de ter que facer deporte dentro da casa. "Ás veces ían ocorréndoseme cousas ao longo do día, pero outras sentábame diante do ordenador e saía de golpe". Iso si, inspirado sempre pola banda sonora da película Amélie, o Nocturno de Chopin ou Claro de Luna de Débussy. Estes contos, que inevitablemente van ter un final, serviron para que Carracedo aprendese a estar na casa e facer desta "un cárcere de luxo, unha especie de illa que agora, co desconfinamento, vai facéndose península e conectándose co resto do mundo". Pero tamén axudou a moita xente a marcarse unha cita todas as tardiñas nas redes sociais. Moitos deses lectores non coñecen a Carracedo en persoa, pero están ansiosos por quedarse con estes relatos en formato papel. "Un dos escritos fala sobre unha rula que e pusaba na fiestra de enfronte da miña vivenda. Unha muller comentoume que esa noite soñou que o seu marido, falecido había 20 anos, se aproximaba a ela e lle chamaba ruliña". Para todas estas persoas que se viron identificadas nas vidas de Carlos e Alba, hai unha boa noticia: unha editorial contactou coa parella para ver os textos, dado o impacto que tiveron.

Compartir el artículo

stats