As rúas de Lalín e Silleda acollerán hoxe manifestacións co gallo do Día Internacional da Muller. Pero as actividades xa arrancaron en días pasados, nalgúns casos a modo de preparación e concienciación para a xornada grande. É o caso dos alumnos que forman o clube de igualdade do IES Laxeiro, que encheron as farolas de Lalín de cartóns con mensaxes informativas sobre feminicidios ou denuncias falsas e reivindicativas da igualdade.

En Vila de Cruces tamén houbo onte actividade. A I Xornada Feminista na Vila congregou no Auditorio Xosé Casal a 35 usuarias con crianzas, chegadas tanto desde a propia localidade e parroquias como Merza, Fontao, Piloño, Salgueiros ou Camanzo coma desde os municipios de Silleda, Lalín ou Melide. A fin de que as nais puideran conciliar, creouse un espazo friendly con xogos tradicionais para os nenos. Amais de dar a coñecer o colectivo Levedar e reflexionar sobre o feminismo, participaron nun obradoiro de percusión miuda e canto e mesmo puideron gozar dunha copla inspirada en Habelas hailas. "De aquí levedarán novos proxectos e nas diferentes asociacións", anuncian as promotoras da asociación, que pretende moverse polas aldeas do municipio coa intención de crear unha rede entre mulleres.

Tamén estaba prevista onte pola tarde no mesmo auditorio cruceño a confección dun mural pola igualdade, promovido desde o Concello. Pero a escaseza de nenos inscritos deixou o asunto en nada.

Os grupos políticos que conforman as corporacións municipais de Lalín e Silleda consensuaron manifestos con motivo do 8-M. Ambas localidades acollerán hoxe manifestacións. A promovida por Azos Feministas na capital dezá partirá ás doce do mediodía do KM 0 para recorrer varias rúas do centro a ritmo de batucada e rematar na Praza da Igrexa coa lectura dun manifesto. Á noitiña (20:30) no Museo Municipal Ramón Aller entregaranse os premios Maruja Gutiérrez, con presenza da directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto.

En Silleda, a marcha dará comezo ás 18:00 horas na Praza Siñor Afranio, promovida polo departamento municipal de Igualdade. Desde unha hora antes darase material conmemorativo aos participantes. Amais, onte medio cento de persoas acudiu á cea organizada polo colectivo Ecos no restaurante O Camiño.