Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As pontes que xa non existen sobre o río Ulla

Os viaductos de Brocos, Ribadulla, A Pena ou Dombodán, outrora imprescindibles, foron asolagados polo encoro ou desapareceron

Méndez Alba

No límite xeográfico e fronteirizo entre as provincias de Pontevedra e A Coruña (Agolada e Vila de Cruces, con Santiso e Arzúa), que vén marcando o río Ulla, dende o seu nacemento alá nas estribacións das Serras do Faro/Farelo, no lugar de Olveda, en Antas de Ulla (Lugo), imos atopar dúas grandes e importantes pontes desaparecidas hoxendía, paso obrigado das xentes, camiñantes e veciños, arrieiros e comerciantes nos tempos nos que os carros e carruaxes, as bestas e a cabalería o eran todo.

O noso Ulla estivo cruzado de pontes imprescindibles para as comunicacións de xentes e pobos dende antes do medievo; moitos aínda se conservan (Mourazos, A Cornella), outros, como os de Ribadulla, Ponte da Pena, entre Sexo e Santiso, ou os de Brocos, antes da construción do encoro de Portodemouros, que salvaban as augas do Arnego, que ían morrer no Ulla, pontes como os de Carrís, no antigo camiño real, ou o Xabroneiro.

Paso obrigado na comunicación a Compostela, ou por Melide, ou por Arzúa, ambas vilas no Camiño Francés ás terras do Apóstolo, a ponte de Arcediago e a de Mourazos, sen dúbida foron dun incalculable valor e importancia. Existen restos, máis que probables da que debeu ser a terceira ponte para salvar o Ulla e continuar camiño cara a Arzúa, esta ponte que non existe debeu unir as terras de Sexo e Arzúa; e aínda podemos observar os enormes e recios piares que sobresaen por riba das augas en tempo de seca, na cola do encoro de Portodemouros, entre as terras de Cruces e Arzúa, da coñecida como ponte de Dombodán.

Esta vella ponte salvaba as augas do Ulla e abría paso cara Arzúa a comerciantes cos carros cargados de mercadorías, viaxeiros e peregrinos en su camino a Compostela era de táboas e vigas de madeira e debeu, no transcurrir dos anos, derrubarse nunha enchente do río ou ben pola propia acción do tempo. O resultado foi que, ante a carencia do paso tan necesario e as queixas dos veciños, se decide acometer a construción doutra ponte polo mesmo sitio e utilizando parte das vigas salvadas da corrente do río polos veciños do lugar de Hortas, onde se almacenan.

Os traballos de construción do viaducto de Dombodán en pedra de canteiría e madeira -ou mellor dito a Ponte de San Xusto- comezan por orden do capitán xeral do Reino de Galiza no ano de 1840, en cumprimento da cal os veciños dos lugares de Carbia (Vila de Cruces), nun lado, e Dombodán (Arzúa) na outra beira do Ulla, tiñan que axudar nos traballos precisos para rematar a devandita ponte. A adxudicación do contrato da obra correspondeu ao mestre de canteiría Matías Montero, natural de Ínsua, na cifra de 1.360 reais, e entre as cláusulas e condicións da mesma, figuraba a obriga de rematala en 31 días, e especificábase no mesmo que era condición inexcusabale o paso da cabalería e tropa de infantería sen ningún tipo de risco nin dificultade, polo que a construción e o seu resultado final tiña que estar dirixido a que se cumpría fielmente tal premisa imprescindible.

As características técnicas da mesma, tal e como relataba hai tempo o investigar Xosé Ramón Pérez Salgado, nunha entrada na súa paxina do Facebook eran as seguintes: "...levará 3 vigas do longo necesario e de cuarta e media de grosor na punta. O piso terá 6 cuartas de ancho no medio das ladeiras ou barandillas. A madeira será de carballo ou castiñeiro, de 4 polgadas a táboa e 5 o taboleiro. Os cravos serán de cuarta e polgada de longo. Os puntaletes terán 6 cuartas de alto e irán ben seguros, sin que den de sí cosa alguna para que hagan más firmeza, colocándolos de modo que dichas barandillas sean un poco inclinadas sobre el río para que éstas en la parte de arriba formen un hueco que tenga el ancho de 8 cuartas y por la parte de fuera de las mismas se les colocarán a aquellas sus correspondientes estribos desde la punta del tablón a la barandilla y éstos con la seguridad y resistencia y bien revestidos. As blandillas ou tealladas serán 3 por cada ladeira, que se introducirán nos portaletes sen necesidade de clavos". A ponte antiga levaba 2 vigas e a nova levará 3. Posuirá cancellones de carballo colocados tal e como están os antigos, ou sexa, en cada unha das cepas de que se compón a ponte".

A Ponte da Pena

Outra destas pontes míticas, desgraciadamente desaparecidas baixo o peso do tempo, é A Ponte da Pena. No seu tempo daba paso e unía Santiso (A Coruña), con Sexo, lugar de Agolada, na outra banda, salvando as frías e furiosas augas do Ulla que se transforman ao chegar aquí nun río salvaxe de fortes torrentes, aínda que non tanto como as de Mácara e Ramil, logo de recoller as augas que traen outros moitos regos e regatos, antes de someterse ao rigor do encoro de Portodemouros, que o domestica entre comportas de cemento e ferro. No seu discorrer, o río supuxo, ao longo da historia, unha importante barreira natural, que os homes salvaban usando enxeño e pericia, ou ben con barcas ou con pontes, paso obrigado de camiñantes, viaxeiros, arrieiros e comerciantes que, a pé ou en carruaxes, carros ou bestas e cabalaría se facían aos camiños.

Os labregos de Sexo cruzaban cos seus carros e bestas cargadas con sacos de grao cara o Muíño da Pena, que xa non garda recordo na súa memoria, porque hoxe xa tan so quedan os muros de pedra, entre as ruínas, as silvas e o abandono daquelas vidas, vividas ao límite, de picardías e amores de mozas e mozos que as pretenden, de traballos e suores, de penas e sen sabores, de xogos de nenos na poza das Pías, onde, se non sabías nadar, aprendías ou afogabas, alí onde os rapaces se reunían as tardes de verán para ir aos peixes, e de tanto en tanto a por troitas, que daquela había ben delas.

Capítulo escuro

Foi nunha destas pozas onde pasou mesmo aquel capítulo escuro de afogados, como recolle na memoria dos vellos a historia daquel ano oitenta, cruento final dunha xornada de pesca coma tantas outras antes. Accidente desgrazado, ou quen sabe se por rencillas entre ambas as dúas beiras do río dos ríos: O Ulla, límite e fronteira ás veces, e tantas nexo en común de xentes e pobos coma fonte de disputas.

Alí fora onde moitos dos nenos, hoxe adultos de Agra e Sexo, probaran por primeira vez as augas do río, ao compás da música e os bailes os días de festa grande, dos gaiteiros da terra que foron quen de manter o longo dos tempos o requinto, Requinta do Ulla, coma instrumento propio de seu, a voz calada dos montes e vales e o berro libertario e furioso das augas entre as penas, torrentes e fervenzas, polas que o río escapa.

A Ponte da Pena tiña catro piares de mampostería rematados en picos triangulares a xeito de tallamar, piso de vigas e táboas, con varanda nos laterais, tal e como o describe Xosé M. Broz, no seu libro Santiso na terra de Aveancos. Foi derrubada por unha enchente do río e xa non se volvera a reconstruír, posiblemente ao existir xa pistas e por esmorecer a actividade do seu muíño, do que o último muiñeiro fora o Sr. Xosé, que morreu sen fillos, polo que o traballo da moenda, case que sempre por un cuartillo do que fora, quedara ao cargo de dous dos seus sobriños. Este vello muiño pertencía á Casa da Pena, fundada no ano 1711 por Don Juan Varela de Barrio, cura da Ponte Arcediago, Rairiz e Mourazos.

Non puidemos obter datos fidedignos da sorte que correu a ponte definitivamente. Para uns foi por mor dunha enchente do río que pasou por riba dela e levouna, para outros foi perdéndose de pouco a pouco, e deste xeito: Cando quedaran tan so as vigas porque xa podreceran as táboas, a xente e as mulas pasaban polas vigas, a modiño e con coidado de non caer, por aquel entón era o tempo do estraperlo e había que fuxir da Garda Civil, e andar polos camiños ás agochadas, por onde cadrara.

No Catastro de Ensenada figura recollida a existencia do Muíño da Pena, coa denominación de Muíño de Sexo, cunha ponte que comunicaba con esta mesma aldea polo outro lado do Ulla. Foi o cura Juan Varela de Barrio quen no seu testamento o cita e deixa constancia documental da súa propiedade: " Casa y lugar da Pena, con su palomar y heredades y montes, chousas, prados y molino, aguas de riego, arboles y plantados, cuia casa la hizo y fabricó el otorgante que tubo un coste de tres mil reales de vellón... en los molinos que hizo y fabricó en el río, junto a la puente vieja de Arcediago con sus canales (Protocolo 1825 del año 1704)".Información e datos recollidos do libro de Xosé Manuel Boz Santiso na terra de Abeancos.

Ponte Arcediago

Da ponte que separa San Xoán de Ponte Arcediago(Santiso) de Santa María de Berredo, en Agolada, pódese contar que existe documentación escrita da existencia no ano 897 dun camiño que, vía Melide e Arzúa, levaba aos camiñantes a Compostela. Posiblemente, a súa data de fabricación foi no ano 1228. Hai que recordar que alí mesmo o Furelo se une ao Ulla.

No lugar da Ponte Cornella significamos os pasos de pedra para salvar as augas do río, xa que aínda que hoxendía existe unha horrorosa ponte de cemento, non hai constancia histórica de que nunca existira calquera tipo de paso ou ponte.

E, finalmente, a de Mourazos, outra das míticas pontes que unen e non separan pobos e xentes. Construción do ano 862, sen dúbida unha das pontes máis antigas de cantas existen documentadas no país. A súa pedra fundacional, que se atopa cara abaixo no leito do río indica: Era DCCCC ET TU IT PERFECTA X KLS M (AIAS). Construíron esta ponte no ano 862 e rematouse o 22 de abril. Por certo, no lugar de Mourazos, entre o muíño e a ponte, existiu un mazadeiro de liño, que era propiedade da Casa de Talín, que tiña un canle polo que corría a auga e roda de tres orgos, onde se mazaba o liño despois do encorgado; ao parecer, existiu tamén outro na Cornella, pero desafortunadamente non hai restos de ningún deles.

Paso obrigado nas comunicacións a Compostela, ou por Melide ou por Arzúa, o que pon de manifesto unha vez máis a importancia na historia e vida das xentes e vilas do máis transcendental dos camiños da Cristiandade, O Camiño de Santiago, a ponte de Arcediago e a de Mourazos, sen dúbida, foron dun incalculable valor e importancia, no devir destes camiños.

A importancia desta pedra resulta extraordinaria, xa que tan so podemos falar doutras tres pontes, nas que existe constancia da súa fábrica orixinal: Na Ponte Taboada, entre Lalín e Silleda, no Camiño de Inverno a Compostela, e nas pontes de Toiriz e Losón, en Vila de Cruces, todas elas medievais -como ben recolle no seu estudio Los Caminos Medievales de Galicia a investigadora Elisa Ferreira Priegue-, imprescindibles nas rutas e vías de comunicación daqueles tempos e herdeiras das vías romanas.

[A miña gratitude a Maika Sánchez Fuciños, Anxo Oro, Fina López, Anxo L.Pumar, Xosé Manuel Broz e Xosé Ramón Pérez Salgado e todos os que me contaron anécdotas, historias e datos sobre o pasado destas nosas pontes]

Compartir el artículo

stats