Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando o idioma é a chave

Unha estudante estradense pon en marcha unha iniciativa para poñer e valor os comercios locais que utilizan o galego

O Café Panamá é un dos establecementos que participan la iniciativa. // Bernabé/Cris M.V.

A idea xurdiu dunha pequena chispa e Andrea Mosteiro ten moi claro de onde saíu. "Todo comezou na tenda 4eco Loan. Un día vin que tiñan todo en galego e incluso unha bolsa debuxada a man por unha artista local na que poñía Eu son Frida pero non kalo. Encantoume a idea e tamén o uso que lle daban ao galego no seu día a día e nas súas publicacións nas redes. A partir fixeime en que moitos comercios da Estrada tamén utilizaban o galego e decidín que podía poñer en marcha algo para recompensalos dándolles publicidade", explica a moza de 16 anos.

Así foi como puxo en marcha o perfil de Facebook "Na Estrada, en galego". A idea era simple, darlle espazo ás tendas que queiran saír e que usen sempre o galego. Mosteiro comezou con catro tendas e en so tres días xa sumou seis máis. Agora xa son trece as tendas que forman parte desde rede tecida pola lingua galega. As súas publicacións permiten que os comercios alcancen a máis persoas e, tal e como explica a estudante, permite que os consumidores as identifiquen por algo positivo. Ademais, ofrécense a axudar as tendas con calquera dúbida lingüística que poidan ter, xa que en moitos casos o medo a cometer erros pode levar a algúns comerciantes a non animarse a utilizar o galego.

As primeiras tendas que formaron parte da iniciativa "Na Estrada, en galego" foron 4eco Loan, Xeloira Perruquería, Nobelo a Nobelo e a Piscina Climatizada da Agasp. A partir de aí viñeron outras nove máis: Picolo, Café Panamá, Salón de Beleza Raquel Paseiro, Copiestrada, Mi Bebé, Hailas Eventos Creativos, Perruquería Patci, Farmanatur e os Minicines Central da Estrada.

Andrea Mosteiro comparte moitas das publicacións en galego destes comercios pero tamén tenta darlle o seu toque persoal aos anuncios, sempre buscando unha complicidade coa lingua e a cultura galega. A súa páxina é ademais un recuncho no que teñen cabida diferentes iniciativas culturais, en definitiva un punto de encontro con Galicia impulsado por una unha moza que ten moi claro que o seu futuro pasa por estudar Filoloxía Galega. Neste camiño, Andrea Mosteiro loa as ensinanzas aprendidas no IES Antón Losada Diéguez. "Sempre nos deron as ferramentas para defender o noso e poñer en marcha iniciativas coma esta", explica.

Concurso

"Na Estrada, en galego" porá en marcha un concurso no que un xurado externo elixirá as mellores publicacións en galego nas redes sociais dos comercios e clientes que queiran participar. Todos os participantes terán un agasallo e os tres gañadores un premio especial.

Compartir el artículo

stats