Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Monteagudo Ruzo, in memorian (e II)

Capitán Gosende pide que unha rúa leve o nome deste cerdedense

Manuel Monteagudo Ruzo aos 90 anos de idade.

O 9 de xuño de 1968, na súa estrea como correspondente, Monteagudo remite a DP o artigo "Cerdedo: Repoblación de los montes del municipio", no que avoga pola creación de cooperativas forestais en Cerdedo, facendo fincapé no cultivo de árbores froiteiras. Nas seguintes entregas, denuncia o mal estado dos viais cerdedeses ao tempo que eloxia o emprendemento dos veciños de Abelaíndo por asumiren motu proprio e sen apenas apoio a construción dunha estrada; salienta as deficiencias no alumamento público, nas fontes, na subministración eléctrica, no servizo telefónico, na atención sanitaria; reclama un campo de deportes e o acondicionamento do campo da feira; incide no problema da emigración, do despoboamento, dos incendios forestais; fai fincapé na defensa do medio ambiente e do patrimonio; oponse ao proxecto do macroencoro de Dorna e ao traslado do conxunto arquitectónico da Pontapedre (ponte medieval e muíño), erixíndose azoute da mansedume, da apatía e da resignación mostradas polos seus conveciños.

Por se non abondase, nas páxinas do rotativo pontevedrés Monteagudo fixo súa a tese do Colón galego, recolleu as andanzas da bandida Pepa a Loba, gabou as virtudes da vaca marela, salientou os vellos ritos da nosa festa do San Xoán, fixo de altofalante da Festa do Canteiro e das máis festas patronais cerdedesas, con especial agarimo tratou a Festa do Can ou das Contas de san Roque, que aínda se celebran no seu Castro natal.

Cheo de razón, dende a súa tribuna, Monteagudo tamén arremeteu contra a praxe caciquil e a impudicia dos caciques cerdedeses. Coñecidas por reiteradas, o correspondente Monteagudo denuncia nos seus artigos as innúmeras irregularidades electorais das que se valeu a dereita para perpetuarse no poder até que, de puro vicio, a cacicaxe bateu cos cornos no cu. Sabendo o que sabemos, en Cerdedo sería de xustiza impugnar os corenta anos de democracia. Deste xeito se expresaba Monteagudo:

"Esos ídolos abominables y que tanto daño llevan causado en nuestra Galicia, vemos como se derrumba ese pedestal del gran cacique provincial: el cacique municipal y el caciquillo parroquial" (DP, 31-12-78).

"¿Cuándo el alcalde se identificó con el pueblo para apoyarlo en sus justas reivindicaciones? Yo pediría un alcalde para Cerdedo que se identifique con él, que ame y viva la vida de su pueblo, pero nunca a cuenta de este. Que sepa rodearse de gente honrada y capaz, pero que no se dedique a negocios que le impidan ser alcalde" (escrito de cara as Municipais de 1983).

"Ya pasaron las elecciones, y atrás quedaron los manejos ... ¿Es justo que un señor, en su condición de cacique, entre en un colegio en el momento de la votación y se lleve un montón de sobres? ¿Es justo que otro señor, en su condición de oligarca, mande aviso a ciertas personas para que acudan a su casa y, una vez en la misma, les entregue los sobres para que vayan a votar? ¿Se puede el mismo día de la elecciones recorrer ciertas aldeas para pedir el voto, sugiriendo y coaccionando a los electores? ¿Puede un electo a concejal transportar personas para votar?" (DP, 26-5-1983 (despois das Municipais)).

Neste senso, o 9 de marzo de 2008, o xornalista Fernando Salgado, tamén dende as páxinas do DP, eloxia as dimensións cívicas do noso persoeiro: "Cuando llega la hora de mirar hacia atrás y hacer un recopilatorio, sólo quedan grabados en la memoria y mantienen plena vigencia aquellos actos realizados en clave de universalidad y de eternidad ... Es entonces cuando puede comprobarse la vigencia de los mensajes, y un repaso sosegado a través de las crónicas firmadas desde Cerdedo por Manuel Monteagudo Ruzo permiten concluír que, lejos de diluírse su mensaje cuando amarillea el papel en el que fueron impresas, conservan una rabiosa actualidad y se perfilan como una guía a seguir, a pesar de haber sido escritas en unas circunstancias nada propicias, cuando no en una situación de abierta incomprensión social y hostilidad política".

O 9 de xullo de 1978 constituíuse en Cerdedo o comité local do PSOE, con vistas aos comicios municipais de abril do ano seguinte (os primeiros da democracia). Preside o comité socialista Severino Bugallo Valiñas. O panadeiro Bugallo xa formara parte da directiva do PSOE en tempo da República e, por mor da súa ideoloxía, houbo de padecer persecución. Manuel Monteagudo figura á fronte da secretaría de Prensa e Propaganda. Entre outros, Roxelio Arca Rivas (fillo do mártir republicano Francisco Arca Valiñas) consta como delegado.

O 3 de abril de 1979, o PSOE obtén tres concelleiros en Cerdedo. Monteagudo sae elixido e, a canda os concelleiros de Unidade Galega (2), disponse a facer unha oposición férrea mais leal. O partido do alcalde Caramés axiña brande o rolo da maioría (8), dificultándolle a Monteagudo a súa asistencia aos plenos. Farto das artimañas da dereita caciquil, Monteagudo abandona o seu cargo o 27 de marzo de 1980: "Creo que tal y como está montado el Ayuntamiento, es difícil hacer cosas prácticas, porque si hacemos un balance de lo que ha hecho la nueva corporación, basta con echar una ojeada por todo el municipio, para decir que nada de nada. Lo más honroso es marcharse. Falta iniciativa, entusiasmo y coherencia en planificar y abordar con firmeza esas necesidades tan acuciantes que padecen todos los lugares de nuestras parroquias" (DP, 26-3-1980). Ocupa o seu posto outro socialista memorábel, Severino Rascado, veciño de Mamoalba.

Con folgos anovados, nas municipais de maio de 1983 recunca e encabeza e a listaxe do PSOE cerdedés, revalidando a súa acta de concelleiro. Paradigma da dignidade, Manuel Monteagudo foi un dos poucos edís da perdurábel oposición que non se deixou engaiolar polo ouropel do "C de Cerdedo", declinando aceptar o agasallo ofrecido pola dereita triunfante. O PSOE de Cerdedo, que lle rendeu homenaxe a Rascado (23-2-2013), está en débeda con Monteagudo.

Na soleira dos noventa anos, Monteagudo dá por concluído o labor de ordenar e pasar a máquina décadas de anotacións e apuntamentos e decide enviar os mecanoscritos ao prelo. Xa que logo, no ano 2005 Edicións R. S. Pontevedra edita doce exemplares de Unha manchea de contos (2ª edición, en 2007). Tamén en 2005 aparecen os títulos Poesías de amor e dor e Cantares, refráns e outras curiosidades. En 2006, publica A saga dos Monteagudo e en 2007 edítanse 20 exemplares da súa Historias de Santa Baia de Castro, curiosidades e outras historias. Para a Historia de Castro, o autor omitiu, finalmente, o capítulo dedicado á represión fascista que, nunha separata, gardaba na caixa forte do seu despacho. Mesmo así, o título de cronista de Castro está máis ca xustificado.

Un exemplar dedicado de cada unha das devanditas publicacións e mais unha copia das súas colaboracións no DP agardaba por min na súa casa: "Para o profesor, escritor e buscador de novos valores, o meu amigo Calros Solla. Con agarimo". Monteagudo dicía que, antes de morrer, cadaquén debía plantar unha árbore, ter un fillo e escribir un libro. Traballo feito, meu amigo.

Manuel Monteagudo investiu as ben merecidas horas de lecer en favor da súa comunidade. O seu compromiso político e cultural con Cerdedo fican ben demostrados nesta apoloxía. De raro en raro, a mesquindade cerdedesa vese amortecida coa exemplaridade dalgúns dos seus veciños. Gocei da estimación e da sabia conversa de Monteagudo aínda en 2002, a raíz da publicación do meu libro Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Aveciñados en Pontevedra, case porta con porta, compartimos, dende aquelas, saborosos parrafeos arredor da súa mesa camilla ou nas inesquecíbeis paseatas dominicais, reconfortados nas nosas afinidades. O meu pai, Manuel Solla, vella amizade, fixo as presentacións. Foi Monteagudo quen me alentou na necesidade de mirar por Cerdedo sen caer no desánimo nin na molicie do seguidismo e, por tal, sen agardar nada en troco. Nesas teimamos.

Agora, transcorrido un ano do seu pasamento e coa intención de preservar do ruín esquecemento a súa obra e a súa figura, o colectivo Capitán Gosende demanda que unha rúa de Cerdedo leve o nome de Manuel Monteagudo Ruzo. Bo e xeneroso, Monteagudo soubo honrar a lembranza dos benfeitores, actitude que arestora, con xustiza e oportunidade, emulamos.

Moitas grazas, don Manuel. Sempre na lembranza.

"Los hombres pasan, las buenas obras quedan y éstas serán juzgadas y admiradas por futuras generaciones" (M. Monteagudo, DP, 13-4-1969).

Compartir el artículo

stats