Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Monteagudo Ruzo, 'in memoriam' (I)

Capitán Gosende demanda que unha rúa de Cerdedo leve o nome deste correspondente, cronista de Castro e histórico edil

Monteagudo, folleando os seus artigos de prensa.

Manuel Monteagudo Ruzo naceu no rueiro da Caramoniña, lugar de Castro do Medio, na parroquia cerdedesa de Castro o 24 de decembro de 1916. Primoxénito de Manuela (labrega) e mais de Amador (tratante), ficou orfo de pai aos 9 anos.

Lérez abaixo, Monteagudo faleceu en Pontevedra o 24 de decembro de 2018, cumpridos con precisión de ourive os 102 anos de existencia. Non nos debe abraiar a cadradela, pois, Manuel de Candelaria (como era coñecido na miña casa) fora nomeado en maio de 1955 "oficial calculista" na sección de Climatoloxía Xeral do Servizo de Meteoroloxía das Forzas Aéreas de Venezuela, país ao que arribara en 1953.

Manuel Monteagudo rillou de rapaz o silabario, o catón e a cartilla na escola do esforzado mestre Constantino Simal Simal, en Quireza. En 1927, proseguíu a súa formación na academia de Fernando García Leiro, o pródigo abade de Cerdedo. Por consello do seu mentor, ingresou no Seminario de Compostela, onde permaneceu até o principiar do ano 1931, pouco antes de proclamarse a República. Segundo lemos na súa autobiografía: "Os motivos de deixar os estudos no Seminario foron dous: o primeiro, non ter vocación, facéndome rebelde ante a forma de tratar os seminaristas; o segundo motivo: non era xusto, por sere eu crego, os meus irmáns e a miña nai de escravos toda a vida".

O 18 de marzo do ano 1936, con vinte anos de idade, ingresou voluntario na Mariña de Guerra da República. Catro meses despois, acontecería o golpe de Estado fascista. A sublevación colleuno no bando rebelde. Monteagudo nunca calou a súa participación na Guerra Civil formando parte do exército franquista: "O destino xogou as súas cartas e a min tocoume 'pasar fea'". Lemos na web "Nomes e Voces" que as autoridades golpistas lle abriron a Monteagudo unha causa por deserción que o obrigaría a permanecer agochado algún tempo. Finalmente, non sería procesado.

Manuel Monteagudo era xenro de Rosendo Campos Varela, industrial e membro dunha familia cerdedesa moi influente. Ao longo do ano 36, Monteagudo terá coñecemento da malleira recibida polo mestre Constantino Simal a mans dos falanxistas e do pasamento do crego García Leiro (no mes de decembro), sucesos que lle causaron fondo pesar. Licenciouse do exército o 31 de outubro de 1939.

Sen outras expectativas, en setembro de 1940 ingresa no corpo da Garda Civil, cuxa disciplina e arbitrariedades aturaría seis anos (1940-46). O seu natural equitativo e contestatario colíxese deste treito autobiográfico: " Das cousas que pasaron durante a miña estancia no Corpo, moitas delas non eran do meu agrado, pero tiña que roelas ... Non estaba de acordo en moitos casos; por iso un comandante de posto me chamou comunista ... Un dos casos máis tristes da miña estancia na Garda Civil foi o ser arrestado en compañía de catro compañeiros polo delito de sedición. Fomos xulgados ante un Tribunal de Guerra. Fomos absoltos, só con seis meses de arresto ... Ata chegaron a dicir que nos xuntamos cos fuxidos ... O 28 de maio de 1946 pedín a rescisión do compromiso".

O 9 de abril de 1942 casa con Candelaria Campos Sieiro (tamén falecida), coa que tivo catro fillos. Do 46 ao 51 traballa no serradoiro do seu sogro (a serra de Rosende (sic)), enxeño hidráulico (hoxe, en ruínas) localizado na cerdedesa Veiga dos Muíños. A serra accionábase coa auga da presa de Porriñeiras, canle proveniente do río Lérez.

Monteagudo emigra a Venezuela no ano 1951. Na cidade de Maracay agárdao Amando, o seu irmán pequeno, que o precedera. Dous anos despois, guiado polo benxamín, ingresa no Servizo de Meteoroloxía da Comandancia Xeral de Aviación do Ministerio de Defensa venezolano. Nesta exitosa aventura profesional investirá trece anos da súa vida. No ano 1966, volta a Galiza. Dende Maracay o seu irmán reenvíalle un convite do presidente da República Raúl Leoni. Chocalleiro, o irmán escribe: " En Venezuela te invita el presidente, en España ni el alcalde".

De volta

Instalado xa na Galiza, Manuel Monteagudo foi correspondente do xornal Diario de Pontevedra ao longo de vinte anos. O primeiro artigo publicouse no rotativo pontevedrés o 9 de xuño de 1968; o derradeiro leva data de agosto de 1988. Acadou a xubilación o 24 de decembro de 1981, tras desenvolver durante unha década o cargo de administrativo na estación de autobuses de Compostela, cidade á que o matrimonio debeu trasladar a súa residencia.

Durante catro anos exerceu o cargo de presidente da Xunta de Goberno do Fogar de Pensionistas de Santiago de Compostela. Rexeitou prorrogar a encomenda para dedicar o lecer do retiro á actividade política (concelleiro do PSOE en Cerdedo), á escritura e á recolla de coplas, refráns, ditos, contos "e outras curiosidades" da súa parroquia natal, Castro. O matrimonio abandonou finalmente Compostela e fixou o seu domicilio en Pontevedra, na rúa Forcarei.

Manuel Monteagudo foi veciño e amigo persoal do poeta, mestre e divulgador científico Xosé Otero Espasandín (nado en Castro do Medio en 1900 e morto no exilio estadounidense en 1987). Xaora, o intercambio de correspondencia co seu paisano axudou a Espasandín a soportar tanto o exilio ideolóxico do franquismo coma o exilio cultural do piñeirismo (así o denunciaría Luís Seoane).

Monteagudo reivindicou na prensa honrar a figura do intelectual republicano co adaxo do seu pasamento (DP, 14-11-1987). Seguindo este ronsel, en 2016 o colectivo Capitán Gosende perpetuou a lembranza de Otero Espasandín no seu Campo das Laudas (As Raposeiras-Meilide) e segue solicitando que unha rúa de Cerdedo leve o nome deste ilustre desterrado.

Manuel Monteagudo foi o promotor da homenaxe póstuma tributada ao seu mestre, o cura Fernando García Leiro. O acto tivo lugar o 24 de xuño de 1971 en Cerdedo. Dende aquelas, a praza da igrexa de San Xoán leva o nome e adobíase coa efixie do homenaxeado. Para a organización do evento contou coa estreita colaboración doutro dos antigos alumnos do crego, o cura Antonio Rodríguez Fraiz.

Ben nacido

Manuel Monteagudo foi, así mesmo, o impulsor da homenaxe que os antigos alumnos lle renderon ao mestre Constantino Simal Simal o 6 de abril de 1975. Constantino Simal xubilárase en novembro do ano 67. En Castro (onde nacera) e mais en Quireza (onde puxo escola) dedicáronselle en loor senllas placas de mármore. Monteagudo prodigaríase na prensa para propiciar o feliz desenlace das anteditas homenaxes, destilando co exemplo a sabedoría contida na expresión "De ben nacido é ser agradecido", ou na reflexión kennedyana: "Sempre hai que atopar tempo para mostrarlles gratitude ás persoas que marcaron as nosas vidas".

No transcurso de vinte anos de correspondencia xornalística, Monteagudo plasmou na prensa o seu inconformismo, o seu espírito crítico, a súa capacidade de análise, a súa coraxe... O titular "Pensar alto, sentir hondo y hablar claro" (DP, 18-9-1969) é toda unha declaración de intencións. Malia profesar un amor incondicional por Cerdedo, Monteagudo non someteu o brillo da verdade ou a súa liberdade de expresión á canga dos afectos ou do confort. No verán de 1978, baixo o titular "El respeto a la verdad", escribía: " Comprendo que en los pueblos, a veces, la verdad es causa de disgusto en ciertos señores ?les llamaría más bien caciques? acostumbrados a la adulación. Sólo se consideran rodeados de virtudes, mientras que esconden los vicios en la oscuridad del silencio o los dejan para los demás. Por eso, dejar de decir la verdad puede ser cobardía o adulación, pero en la conciencia de un informador no pueden caber ni la cobardía ni la adulación, sino reflejar con sinceridad la auténtica verdad".

Compartir el artículo

stats