Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A devoción púidolle ao calendario no San Brais de Chapa

Unha ponte que cae e unha sobreira que resiste forman parte do entorno da capela

Agora poucos devotos se achegan á fonte da Virxe.

Malia que este ano a celebración do San Brais caeu en luns, a fermosa capela da Virxe da Fonte de Chapa, en Silleda, onde se honra o santo bispo e mártir, encheuse de devotos nas tres misas que se celebraron pola mañá, a última cantada, que rematou con procesión. Non houbo música pero si abundante pólvora, nunha xornada solleira na que os numerosos devotos, os máis deles da Bandeira e doutros lugares dos contornos, mercaron o pan e as rosquillas no posto que se instala diante da capela, para ser bendicidas polo cura cun ramallo empapado en auga bendita e tamén ofreceron cirios e esmolas en diñeiro no cepillo que o santo comparte coa Virxe. Os máis crentes, refregaron o pan, as estampas e mesmo algunha prenda de roupa na imaxe do santo avogoso para os vultos e as enfermidades da gorxa.

Nalgún tempo, tamén se bendicían os froitos do campo e ofrecíanse capóns, coellos e pezas do porco e despois dos actos litúrxicos, celebrábase unha animada romaría nas carballeiras que rodean a capela. Daquela, era costume baixar deica a fonte da Virxe que se atopa aos pés da capela, para beber ou lavarse coa auga milagreira ou levala para as casas, pero agora xa case ninguén o fai.

A Candelaria e a Virxe

Na véspera, que cadrou en domingo, tivo lugar a tamén tradicional celebración da Candelaria, que é festa no calendario católico da Purificación da Virxe, a Presentación de Xesús no Templo e a Virxe da Candelaria, aparecida en Canarias no século XV. Houbo misa cantada con moita asistencia pero non procesión, que seica non sae dende que hai moitos anos os ladróns roubaran a talla que aquí tiña a Virxe da Fonte, xunto con outra da Piedade, segundo nos contou o anterior párroco da Bandeira, Xosé Espiño. Tamén en tempos, levaron unha imaxe de pedra que estaba nunha nicho na fachada principal. Agora as imaxes que se veneran, son a do San Brais, que semella do século XVIII, coma o retablo, unha de pedra da Virxe da Fonte, que mandara facer o referido cura Xosé Espiño, e outra da Virxe de Fátima, nova, que quizais fora doada por algún devoto.

A coñecida e noutro tempo concorrida Fonte da Virxe, debeu ser un lugar de culto pagán na prehistoria, que a Igrexa se encargou de cristianizar séculos despois, erguendo no lugar unha sinxela capela na honra da Virxe, sobre a que no ano 1748 se construíu a actual, por conta de Don Melchor Taboada Mosquera, cura de Lebosende..., segundo reza nunha longa inscrición nun dos muros interiores do templo. É unha das capelas máis destacadas da comarca, tanto pola súa construción en fermoso estilo barroco con detalles do neoclásico, que xa asomaba daquela, coma pola fermosa paraxe na que se atopa, xunto á fonte milagreira a que se accede por unhas escaleiras. Por aquí pasa o regato local afluente do Toxa -o da famosa fervenza-, que ten unha pontella a pé da fonte. A ela acudían deica hai poucos anos os ofrecidos traendo aos nenos que padecían o enganido ou asombramento e despois de mergullalos na auga milagreira, deixaban como exvoto as súas camisas, que marchaban río abaixo levando a enfermidade. Conta a lenda que aquí vivía en tempos remotos un ermitán que atopou no lugar unha imaxe de pedra da Virxe e os veciños comezaron a venerala. Xunto á capela hai un antigo cruceiro con imaxes, restaurado recentemente, ao igual ca os dous camiños polos que se accede á mesma.

A ponte que cae en Goriño

Preto da capela, na paraxe da Fonte da Buxa, detrás do casal de Goriño, hai unha ponte centenaria sobre o regato local, que ameaza con derrubarse en calquera intre e xa non permite dende hai tempo o paso de vehículos e maquinaria agrícola. Os veciños, segundo nos contan, xa teñen dado numerosos avisos aos do Concello, coidando que cun cativo e económico arranxo pode ser rehabilitada. Pero a ponte segue igual e a burata que presenta fará que finalmente se esboroe. Por aquí pasaba o camiño que mandara facer o dono da casa da Fábrica de Curtidos de Rellas a finais do século XIX, para comunicar o seu complexo fabril coa Bandeira, que entón xa tiña feira sonada, e continuar a Compostela. A construción da estrada N-525 e varias pistas da concentración, deixaron o Camiño do Fabricante sen outro uso ca o servizo das fincas, que de seguir así as cousas quedaran sen acceso.

Preto da ponte está a coñecida sobreira de Goriño, tida, xunto coa de Siador, por árbore senlleira na comarca, que aguanta polo de agora os embates dos temporais que nos últimos tempos comezan a ser frecuentes.

Compartir el artículo

stats