DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manduas honrou a San Tirso, o seu patrón

A igrexa desta parroquia ten a portada ao nacente e fermosos relevos románicos

Sepulcro no adro da igrexa. // D.G.A.

Sepulcro no adro da igrexa. // D.G.A.

San Tirso de Manduas, parroquia a que pertence e mesmo eclipsa a vila da Bandeira, celebrou a pasada fin de semana festa honrando o seu patrón. Non é esta a festa mais importante da parroquia, xa que na Bandeira, poida que a vila máis festeira de Deza, celebrase dende hai corenta e cinco anos a concorrida Festa da Empanada en agosto e no mesmo mes o Esmorga Folk e mailo recoñecido festival Bandeira Rock.

Na nova capela da Bandeira construída nos anos setenta do pasado século, logo de que fora derrubada unha mais antiga do século XVIII dedicada a Santo Antonio de Padua que aquí fundaran os señores do Pazo da Viña -onde tamén ten capela coa mesma advocación- festexase a este santo milagreiro e tamén o San Cristovo, patrón dos choferes. Tamén a Santa Icía, patroa dos músicos ten festa na Bandeira, vila con grande tradición musical. Tempo atrás tamén tiña celebración a Virxe das Ermidase na igrexa parroquial, que dista mais dun quilómetro da vila, a maiores desta do patrón San Tirso, celebrábase hai anos a Santa Lucía. A festa do San Tirso celebrouse cunha misa solemne oficiada polo arcipreste de Trasdeza, Xosé Pérez Barreiro e cantada polo Coro Vales Mahía coa asistencia das autoridades e veciños que ateigaron o templo, seguida da procesión co santo patrón, A Virxe do Carme e Santo Antonio e o acompañamento musical dos "Veteranos da Banda de Música Recreativa e Cultural da Bandeira", que tamén ofreceron un concerto no adro da igrexa ,foi moi aplaudido pola concorrencia.

A igrexa parroquial con nave principal e duas laterais en cruz latina, foi construída nos anos trinta do pasado século sobre unha anterior de traza románica e tense en varias publicacións, por a única da comarca que non está orientada cara o poñente como mandan os canons católicos, pero non é así: a parroquial de Escuadro está orientada ao nacente, ao igual cas de Vila de Cruces e Gres nas Cruces, Arnego en Rodeiro e Brocos en Agolada. O pasado ano foi obxecto de unha importante mellora, poñéndolle un novo tellado cun custo de 24.000 euros que achegaron o Concello de Silleda, o Bispado de Lugo e os veciños a partes iguales.

A porta principal é do pouco que se conserva do antigo templo románico do século XII, que foi reconstruído no mesmo lugar nos anos trinta do pasado século. Case de milagre a porta principal románica, aproveitouse na nova construción, agás o tímpano que non sabemos onde foi parar, destacando nela os relevos situados nas caras internas das xambas coa probable representación do pecado orixinal, con Adan e Eva, a árbore do coñecemento e a infernal "Fera Corrupia", segundo nos achegou nun informe o investigador Pablo Sanmartín.

A primitiva igrexa románica aínda a puideron ollar en pé Mayer e Campo no seu recorrido arqueolóxico en 1909, quenes describiron así o conxunto: "A juzgar por su exterior, la iglesia debe ser muy hermosa; es de ábside redondo, con bonitas ventanas, muchos canecillos variados y hermosas puertas, sobre todo la lateral, que ofrece la particularidad de tener la columna de un lado salomónica y otra cilíndrica, con estrías." A columna salomónica referida pode ollarse na nova igrexa a pé dun púlpito, logo de que en tempos recentes o párroco Espiño Arceo a rescatara do presbiterio onde estaba soterrada.

O retablo principal é barroco e foi aproveitado da antiga igrexa, con vellas imaxes da Virxe do Rosario, San Ramón Nonnato, a flaxelación de Xesucristo, San Antonio de Padua e o patrón San Tirso. Fora do retablo en senllas repisas, están as imaxes do Sagrado Corazón e as Virxes de Fátima e das Angustias de feitura moderna, e outras dúas de Santa Lucía e o Neno Xesús mais antigas. Nun dos retablos laterais, barroco que se dí procede do antigo mosteiro de Carboeiro, está unha imaxe da Inmaculada das de vestir, e o outro de feitura neoclásica, está dedicado a Virxe do Carme e ten no cume unha imaxe do San Caetano. Na igrexa tamén se conservan a pía bautismal románica e unha fermosa cruz procesional de prata, que só se mostra nas celebracións solemnes. No exterior, os contrafortes lembran a estrutura románica e o carón deles, acomodouse un vello sepulcro con estola pertencente a algún persoeiro notable da parroquia que en tempos estaba no presbiterio e no vello cemiterio pode ollarse un ben labrado cruceiro, que malia ser de tempos recentes mostra unha ampla galería de imaxes e gravados de certo mérito.

Compartir el artículo

stats