Promocionar a Vía da Prata nos 35 concellos das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña polos que discorre esta ruta é o cometido de Vive o Camiño 2019, que acabou onte en Silleda. Porque como ben dixo un dos guías do programa gratuito promovido pola Consellería de Cultura e Turismo con vistas ao Xacobeo 2021: "Este camiño non remata ao chegar a Santiago, senón en Silleda", última parada dunha ruta que arrancou a finais de setembro.

Algo máis de trinta persoas, con gran participación infantil, acudiron á Praza da Igrexa ás once da mañá para realizar un paseo pola Vía da Prata ata Trasfontao, para xirar logo cara a Siador por camiños e congostras e terminar na Carballeira das Pedrosas. No recorrido houbo paradas nas que os dous guías deron conta das orixes da Vía da Prata na calzada romana que atravesaba de sur a norte a parte oeste de Hispania, desde Augusta Emerita (Mérida) hasta Asturica Augusta (Astorga), entre outros moitos e moi interesantes apuntes sobre esta ruta xacobea e a impronta que deixa nos peregrinos os lugares que atravesa, cos seus usos e costumes, a súa cultura. Unha cata de cervexa artesanal de Maceda (Ourense) con degustación de paté de lacón con grelos pechou a camiñata na Casa da Xuventude.

Xa pola tarde, na Casa da Cultura, tiveron lugar os obradoiros Memoria de Prata, para adultos, e Xogando coa Natureza, para cativos. A xornada culminou coa actividade Catar o Camiño, unha degustación de produtos da zona elaborados por dous cociñeiros profesionais.